A Praza de Abastos de Xinzo activa a súa primeira gran Campaña de Nadal para potenciar as vendas

Cartel campaña
A Praza de Abastos de Xinzo activa a súa primeira gran Campaña de Nadal para potenciar as vendas
Coa colaboración do Concello, sortearase entre os clientes un televisor e unha fin de semana nun hotel-balneario

A Praza de Abastos de Xinzo de Limia quere premiar a fidelidade dos seus clientes e animar as vendas nestas datas. Por iso, vén de activar a súa primeira gran campaña de Nadal, da que poden beneficiarse todos aqueles que fagan a súas compras nos seus establecementos. A iniciativa, coa que colabora o Concello, xa comezou e consiste no reparto de rifas entre os compradores para o sorteo dun televisor e unha fin de semana nun hotel-balneario.

Para facerse con cada un destes premios a papeleta gañadora deberá coincidir coas catro últimas cifras do primeiro premio da Lotería de Nadal que se celebra o 22 de decembro (no caso do televisor) e dos catro últimos números do segundo premio no caso da estancia no hotel.

Dende a Praza de Abastos recordan que os seus establecementos ofrecen produtos de primeira calidade e animan a os veciños e veciñas a facer as súas compras na vila e a participar nesta Campaña de Nadal que se leva a cabo por primeira vez e que pretende animar as vendas nun momento no que se fai tan importante a fidelidade dos clientes.

O Concello de Xinzo de Limia, a través da concellería de Promoción Económica que dirixe Manuel Pérez, quere mostrar o seu apoio a estes profesionais que afrontan unha situación económica difícil pola crise actual. Tamén cómpre recordar que un ano máis, o Concello únese a Prolimia para atraer ao maior número de clientes aos establecementos comerciais da vila. Este Nadal unha das grandes atraccións será un globo aerostático que se instalará no Toural e que se agarda que atraia a compradores de diferentes puntos.