A praza do conservatorio será un auditorio musical

Recreación de como quedará a praza do conservatorio
A praza do conservatorio será un auditorio musical
A reforma cambiará radicalmente a imaxe deste recinto, que deixará de ser un punto marxinal para converterse nun pequeno auditorio ao aire libre no que se poderán programar concertos

Unha peza de gran relevancia na historia da música, a “Oda á alegría” de Beethoven, dará vida a un espazo de Xinzo que ata o momento nunca contara dunha atención especial. O pavimento da praza do Conservatorio será decorado coas súas notas en varios pentagramas, unha actuación que se enmarca no proxecto de recuperación deste espazo marxinal que pasará a converterse nun pequeno auditorio ao aire libre. Serán ao redor de 400 metros cadrados nos que a expresión musical terá todo o protagonismo e onde poderán programarse concertos ao aire libre.

Os operarios traballan estes días para solucionar os problemas derivados da acumulación de auga, o paso previo para poder colocar os motivos decorativos acordes co espazo. Tal e como explica a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, a elección da “Oda á alegría” xorde da dirección do Conservatorio, e o executivo local fixo todo o posible para que puidese levarse a cabo. “É unha obra mestra da música de todos os tempos e moi coñecida por todos, pensamos que era unha boa idea que decorase este lugar”, engadiu a rexedora.

A praza do Conservatorio, emprazada ao carón da Casa Consistorial, pronto demostrará todo o seu potencial. As actividades que os rapaces realizaban neste lugar chegaron a ocasionar problemas coa veciñanza, polo que a súa reforma pretende convertelo nun lugar seguro. Incluso está previsto o peche do recinto durante a madrugada.

Son moitos os usos que se poderán facer deste espazo unha vez que remate a súa reforma. A intervención permitirá ao Concello de Xinzo dispor dun recinto no que celebrar concertos, proxeccións audiovisuais, representacións teatrais ou outro tipo de eventos de forma controlada. Actualmente, só é un lugar de paso pese a que ofrece moitas posibilidades. Coa rehabilitación das instalacións e o seu peche a horas intempestivas prevese dar un xiro radical a súa imaxe.

Para evitar os problemas de seguridade, instalaranse dúas portas batentes con chave revestidas con aceiro que impedirán o acceso. A maiores, substituirase a iluminación existente por LEDs e garantirase a suficiente luz para a realización de eventos.