Preto de 140 aventureiros atrevéronse a descubrir os tesouros do medievo limiao

Publicada 2
Preto de 140 aventureiros atrevéronse a descubrir os tesouros do medievo limiao
A II Ruta Franciscana, organizada pola asociación Sendalimia, percorreu 22 quilómetros nos que o bo tempo quixo acompañar MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO A...

A II Ruta Franciscana, organizada pola asociación Sendalimia, percorreu 22 quilómetros nos que o bo tempo quixo acompañar

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

A cita era hoxe ás nove da maña no pavillón de deportes de Xinzo. E alí estaban puntuais, os 140 participantes que se uniron á II Ruta Franciscana, organizada un ano máis pola asociación Sendalimia. Vinte e dous quilómetros de aventura nos que o tempo quixo acompañar en todo momento, concedendo unha maña soleada e de boas temperaturas.

O camiño a través do concello de Xinzo foi a partes iguais duro e espectacular, e incluíu dúas paradas, das que tira o seu nome de Ruta Franciscana: a torre medieval da Pena e o mosteiro de Bon Xesús. Os máis rápidos en completala foron Carlos, Marcos, Javier, José e Rubén todos eles pertenecentes ao Club Asaltamontes de Ourense, e orixinarios de Celanova e Quintela. Estes cinco deportistas chegaron á meta con dúas horas de vantaxe sobre o resto, e son asiduos a todas ás rutas que se organizan ao longo e ancho da provincia. Aseguran que é “a mellor forma de coñecer Ourense”, e incluso recoñecen que “moitos dos sitios que nos puidemos explorar son descoñecidos para os propios habitantes”.

 A historia deste club é curiosa. Cando comezaron a unirse a este tipo de eventos, cubrían as distancias andando, e era o maior deles, de 61 anos o que mellor ritmo levaba sempre, e os máis novos recoñecían que non lle daban levado o paso. Ante este feito, e “por honor” os benxamíns comezaron a facer ás rutas á carreira, pensando que se cadra así o seu compañeiro non podería seguilos. Nada máis lonxe da realidade, hoxe por hoxe todos fan as andainas correndo e chegan ao unísono.

Da II Ruta Franciscana, os membros dos Asaltamontes coincidiron na súa beleza, sobre todo a altura de Trandeiras e a Pena onde as vistas lles pareceron “inmellorables”. O terreo chairo da Limia fixo que lles resultase unha ruta cómoda, pero quixeron facer fincapé en que "as subidas foron moi fortes".

Concelleiro “escoba”

A pesar de contaren co apoio dun vehículo da policía local que actuou de coche “escoba”, o participantes da II Ruta Franciscana puideron dispoñer tamén dun concelleiro “escoba”. Luis Miguel Gil, responsable da área de deportes de Xinzo,  foi o encargado xunto co seu fillo, de pechar a comitiva e velar polos participantes. Participantes entre os cales había poucos limiaos, apenas tres ou catro. De embaixadores do Concello actuaron os membros do club Sendalimia encargados do avituallamento, que levaron a cabo, a xuízo dos deportistas, de maneira moi eficiente. Outra anécdota do día protagonizouna unha das participantes, moi coñecida na vila, que tras catro quilómetros abandonou, “porque non había ninguén de Xinzo a quen coñecese e con quen puidese falar”.

Desde a dirección de Sendalimia amosábanse “moi satisfeitos polo éxito rotundo” da iniciativa ás poucas horas de ter rematado e agradecían a colaboración da Concellería de Deportes e de todos os patrocinadores.