Preto de trescentos actores e actrices deron vida aos Encontros de Teatro Escolar e Amateur

DSCN0441
Preto de trescentos actores e actrices deron vida aos Encontros de Teatro Escolar e Amateur
O CEIP Xoaquín Lourenzo de Bande foi o anfitrión desta XIX edición REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia Esta mañá os alumnos do CEIP Curros Enríquez...

O CEIP Xoaquín Lourenzo de Bande foi o anfitrión desta XIX edición

REDACCIÓN redac@dendealimia.com Twitter: @Dendealimia

Esta mañá os alumnos do CEIP Curros Enríquez de Celanova clausuraban coa súa actuación a XIX edición dos Encontros de Teatro Escolar e Amateur de Bande. Facíano coa axuda dos seus  monicreques e interpretando “Xan e a pedra máxica”. Así se puña punto e final este mediodía a cinco días de escenarios, luces e maquillaxe. Unha semana na que se conseguiu reunir, no salón de actos do CEIP Xoaquín Lourenzo “Xocas” a 270 participantes de dezasete centros de toda a provincia.

Os encontros inaugurábanse o pasado luns ás dez da mañá con “Sopa de xarope de amora”, a proposta dos escolares do 2º e 3º ciclo de Educación Primaria do Xoaquín Lourenzo, que actuaron baixo as ordes de Rosario Gómez Tinoco. E así durante toda a semana fóronse sucedendo as interpretacións de case unha vintena de grupos, entre os que tamén estiveron os rapaces do IES Aquis Querquenis con “Comedia Bífida”. Non faltaron tampouco os peques do CEIP Valle Inclán de Muíños ou os do  CEIP Pluringüe dos Blancos. Entre todos deron vida a esta festa do teatro que xa leva dezanove anos celebrándose con éxito e coa que tamén colabora o Concello de Bande.