Máis de 2.000.000 € en luminarias LED

Primeiras luminarias LED no polígono da Devesa
Máis de 2.000.000 € en luminarias LED

Xinzo xa coloca as primeiras 2.480 luminarias LEDs das 4.610 que substituirá en todos os pobos do concello

Unha luz LED por cada dous habitantes. Son as contas que resultan co ambicioso proxecto para mellorar a iluminación de Xinzo de Limia. Os traballos arrancaron nos últimos días e os operarios de catro empresas están substituíndo, en diferentes tramos, un total de 2.480 vellas luminarias. Máis en concreto, as actuacións lévanse a cabo nalgunhas rúas do casco urbano e nunha vintena de núcleos: Lamas, Boado, Porto Alto, Casas de Veiga, Ganade, Pidre, Piñeira Seca, Solveira, A Bruxueira, Lamas de Arriba, O Camo, Ganade, Outeiro, Regueiro, Corredoira, Gudes, Guntimil, Gorgozola, San Vitorio e Barreiro.

Luminarias LED no Barrio de Abaixo
Luminarias LED no Barrio de Abaixo

Está previsto que os traballos continúen a próxima semana cando empezará, en paralelo, a colocación das 2.130 restantes. Así, a actuación irase completando nas próximas semanas ata a substitución de 4.610 vellas luminarias polos novos dispositivos, que ademais de mellorar a visibilidade aforrarán un 70% o gasto de luz do Concello, o que permitirá ao executivo local destinar estes fondos a outras inversións. Cómpre recordar que a factura actual anual elévase ata preto de 258.500 euros e agora conseguirase rebaixar considerablemente apostando pola tecnoloxía LED.

A actuación desenvolverase ao longo das próximas semanas e suporá o cambio das lámpadas de todo o alumeado público do termo municipal, tanto da vila como do resto de núcleos de poboación.

A visibilidade mellorou considerablemente nalgunhas zonas nas que xa se substituíron as lámpadas, como na pista da Devesa ou no polígono, ademais do entorno do cemiterio e nas unións da Sitibal co centro da vila. A próxima semana comezarán os traballos para cambiar as vellas luminarias -de 100 vatios e que apenas iluminan- nos pobos de Xinzo de Limia.

Para a substitución de 4.610 vellas luminarias deste ambicioso proxecto, o Goberno Central, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), aportará o 80% (1.495.000 euros), mentres que o 20% restante, que supón unha cifra de 375.000 euros, correrá a cargo das arcas municipais. En calquera caso, para a confirmación da axuda a entidade local tivo que comprometerse á financiación do 100% da inversión (é dicir, 1,87 millóns de euros).

Coa substitución dos puntos de luz tamén mellorará a calidade da iluminación e reduciranse as emisións de CO2, un aspecto ao que o executivo local de Xinzo lle concede unha especial relevancia.