O PSdeG de Xinzo critica a ausencia de actos conmemorativos do Día da Muller por parte do consistorio

Elvira Lama
O PSdeG de Xinzo critica a ausencia de actos conmemorativos do Día da Muller por parte do consistorio

Elvira Lama denuncia que "o Partido Popular realmente aposta por unha sociedade machista, afastada da realidade" e recorda que os actos noutros concellos son variados e numerosos.

Os socialistas de Xinzo de Limia lamentan profundamente a nula implicación do concello para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que se celebra mañá en todo o mundo. A portavoz municipal do PSdeG-PSOE, Elvira Lama, explica que os conservadores do PP non organizaron "ningún acto, ningún evento, ningunha charla informativa, ningunha implicación nun ano que pasa por ser o de maior mobilización das mulleres a nivel mundial". "Nada de nada. É vergoñento", insiste.

Lama recorda que "mentres noutros concellos da provincia de Ourense se organizan homenaxes, mesas redondas, xornadas informativas, catas de viños, andainas, lecturas compartidas, faladoiros e un longo etcetera de actos, para visualizar ás mulleres, ás súas tarefas, oficios e inquedanzas, co fin por o foco en que a metade da sociedade ten xénero infravalorado, no Concello de Xinzo, a conmemoración vaise limitar á lectura de un manifesto ó mediodía e a unha charla que imparte unha asociación". O grupo municipal cre que "o Partido Popular realmente aposta por unha sociedade machista, afastada da realidade, que nin sequera se fai eco de reivindicacións tan importantes como estas, que se están a suceder a nivel mundial". Unha situación vergoñenta posto que hai que lembrar que a deputada provincial, Monste Lama, aprobou na Deputación unha declaración institucional apoiando as reivindicacións desta data, mentres en Xinzo, onde tamén é concelleira, non fai absolutamente nada.

MEMBROS PSOE

Os socialistas tamén queren saber como se van a cubrir os servizos do Concello, para que aquelas mulleres que queiran secundar os paros convocados polas centrais sindicais podan facelo. "Botamos en falta a implicación dos representantes do PP no Concello á hora de facer cumprir os dereitos das mulleres, a súa merecidísima valoración, e a concienciación da sociedade nas políticas de xénero para camiñar a prol de igualdade, un obxectivo de longo percorrido que, como recollen os medios de comunicación nestas datas, non é unha realidade", explica Lama. A portavoz tamén destaca que "non é de recibo a vergoñenta falta de información ó respecto na páxina web municipal, onde non hai nin unha soa referencia a este asunto".

Os socialistas denuncian que "o grupo de goberno de Xinzo unicamente está preocupado por temas xudiciais que salpican ó alcalde, en lugar de preocuparse polos temas importantes, como as políticas igualdade que afectan a metade da poboación que representan as mulleres". E, polo tanto, e unha evidencia que a nula implicación do Concello para unha adecuada conmemoración do 8 de marzo, non axuda a visibilizar as eivas e os atrancos que sofren as mulleres na súa vida diaria, unha concienciación que debe comezar no fogar e na escola, para a formación en igualdade, unha situación que dista moito de ser unha realidade.