O PSdeG de Xinzo pide aclarar a alarma social xerada polo alcalde con respecto a un posible ataque terrorista

Elvira Lama2
O PSdeG de Xinzo pide aclarar a alarma social xerada polo alcalde con respecto a un posible ataque terrorista

Elvira Lama considera gravísimo que o alcalde alarme á poboación con esas declaracións.

O PSdeG quere facer un chamamento para non xerar "alarma social" ante as declaración do alcalde de Xinzo de Limia o pasado dia 29 nun xornal provincial, onde dicía que se ían tomar medidas baseadas en recomendacións dos corpos de seguridade para instalar dispositivos na Praza Maior. Os socialistas de Xinzo consideran desproporcionadas as declaración do rexedor, logo de que se faga referencia a un colectivo específico que leva residindo no Concello de Xinzo durante varias décadas e que non é outro que as persoas de orixe marroquí; sendo una das comunidades máis amplas de musulmáns que existen na provincia.

O Grupo Municipal Socialista vén de solicitar a reunión urxente da comisión informativa que corresponda para tratar este tema.

"Os concellos deben estar ocupados en temas de seguridade, tanto como na resto de competencias que son moitas, pero nunca en xerar desconfianza sobre una parte da poboación que ven sendo numerosa dende hai moitos anos e que, na súa meirande parte, está plenamente integrada" di a portavoz socialista Elvira Lama. O Grupo Municipal Socialista vén de solicitar a reunión urxente da comisión informativa que corresponda para tratar este tema e quere trasladar unha mensaxe de tranquilidade e serenidade a tódolos veciños e veciñas de Xinzo para non prexudicar a convivencia diaria, que afecta a tódolos grupos de idade –especialmente aos máis cativos–.

A este respecto, Lama engade que: "Debemos estender unha mensaxe integradora que debería partir do concello e do seu máximo representante. Unha mensaxe que debe ser reforzada tanto nos fogares como na comunidade educativa. So dende a educación e o respecto se pode convivir en paz". Son moitos os menores que escoitan falar do tema, nestes días, a raíz da noticia que parte do alcalde, unha noticia que crea alarma social en lugar de contribuír á serenidade e á tranquilidade.

Dende o grupo socialista condenan as palabras do alcalde Antonio Pérez por inoportunas e pouco esclarecedoras, que foron interpretadas pola poboación como desmedidas.

"O rexedor terá que explicar se ten coñecemento dalgún tipo de risco, para facer tales declaracións, ou se polo contrario se fai eco das recomendacións que chegan do Ministerio do Interior\”, conclúe a voceira dos socialistas de Xinzo. En todo caso as aglomeracións en Xinzo prodúcense en datas concretas e sinaladas como poden ser os días de festa ou no Entroido, non os días de feira na Praza Maior, dado que hai máis xente nas terrazas calquera día que os 14 e 27 de cada mes.

Dende o grupo socialista condenan as palabras do alcalde Antonio Pérez por inoportunas e pouco esclarecedoras, que foron interpretadas pola poboación como desmedidas, creando una inseguridade manifesta nos máis cativos, e creando tamén un gran enfado no colectivo musulmán ao que fai referencia. Esta noticia pode que sexa unha partícula de po coa que quere tapar o grave conflito do rexedor coa xustiza, xa que para esta semana esta prevista a súa declaración nos xulgados polas irregularidades cometidas no seu mandato.