lunes 25/10/21

A reforma dos viais da Moreira comezará o luns

O proxecto contempla carrís seguros para peóns, bicis é vehículos
Recreación
Recreación

Preservar a seguridade dos mozos e mozas que a diario percorren as inmediacións do complexo de A Moreira para participar nas actividades deportivas que alí se ofertan. Este é o principal obxectivo do proxecto que prevé a creación dunha senda peonil duns 700 metros e un carril bici e que mellorará o acceso a diferentes vías deste entorno. As obras comezarán de forma inminente para mellorar a seguridade viaria.

O proxecto contempla traballos de demolición, limpeza, nivelación e pavimentación para a creación da senda peonil, coa supresión de barreiras arquitectónicas e a execución do carril bici. Tamén se prevé a substitución das lámpadas de iluminación e a mellora do firme da vía principal e dos viais anexos que dan servizo ás infraestruturas deportivas.

As obras, que comezarán o luns, levaranse a cabo despois de que se establecese un convenio de colaboración entre o Concello de Xinzo de Limia, a Secretaria Xeral para o Deporte e a Deputación de Ourense. O proxecto ten un orzamento de máis de 350.000 euros, dos que a administración local aporta  133.000 euros, a autonómica 67.307 euros e a entidade provincial un total de 150.000 euros. O importe total tamén incluíu a mellora da Travesía da Moreira, que se emprega como alternativa á renovada rúa Sitibal.

Cómpre destacar que a maior parte dos rapaces e rapazas de Xinzo desprázanse ata as actividades deportivas a pé, o que a día de hoxe resulta perigoso polos problemas de accesibilidade da zona. A mellora do entorno permitirá mellorar a seguridade peonil e potenciar tamén os recursos naturais e paisaxísticos da zona.