Respecto ao medio, regadío e formación, bandeiras do sector agropecuario da Limia

Xornadas Adegal 1
Respecto ao medio, regadío e formación, bandeiras do sector agropecuario da Limia
Adegal conseguiu reunir a expertos en agricultura, gandería e políticas europeas para analizar polo miúdo a situación da comarca MARÍA FERNÁNDEZ...

Adegal conseguiu reunir a expertos en agricultura, gandería e políticas europeas para analizar polo miúdo a situación da comarca

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Agarimada por un cheo total, Adegal celebraba onte na Casa da Cultura de Xinzo de Limia as I Xornadas para Impulsar a Limia. Catro poñentes de excepción deron vida e unha das primeiras iniciativas desta asociación; Emilio Rial Pais, director xeral do grupo Coren; Lucio García Calvo, xefe de investigación nunha das áreas do Centro Tecnolóxico da Carne; Anxo Vázquez, exdirector dos programas de televisión Agro e Labranza; e Patricia Ulloa, directora do Fondo Galego de Garantía Agraria. Cada un deles fixo fincapé nas que deben ser as claves para o desenvolvemento da actividade agropecuaria da comarca.  Así, o respecto ao medio, o regadío e a formación foron as ideas que máis se repetiron.

Rial Pais defendeu na súa disertación que “a simbiose entre a actividade agropecuaria e o respecto ao medio ambiente é algo perfectamente posible”. Aínda que recoñeceu que hai profesionais que concorren en malas prácticas. Entre outros os da compañía que el representa, tal e como informou a prensa, sobre os vertido de puríns en Muíños por camións de Coren. No seu discurso Rial Pais, lamentouse da existencia “de tantas leiras sen explotar na Limia”, un terreo moi fértil para o cereal, tan demandado por empresas como para a que el traballa, e que teñen que acabar optando pola importación.

 A necesidade de impulsar un plan de regadíos para a Limia, foi o eixo principal da intervención de Lucio García Calvo, xefe de investigación da Área de Producción Agroalimentaria, Medioambiente e Territorio da Fundación CETECA. Na súa viaxe pola evolución das terras da lagoa de Antela, este experto quixo incidir na “vital importancia do regadío” para mellorar a calidade e rendibilidade dos produtos agrícolas.

A Limia e a nova PAC

Pecharon o acto as quendas de Anxo Vázquez, e Patricia Ulloa.Vázquez, en consonancia coa súa condición de divulgador agrario, realizou unha forte aposta pola formación: “o coñecemento é a única forma de avanzar”. A directora do FOGGA dedicou a súa intervención a explicar como afecta a reforma da nova PAC, a comarca da Limia. Segundo Ulloa, a filosofía desta política europea será “ligar as subvencións á produción”. Porén, recoñeceu que o futuro da Limia é aínda incerto neste campo, e que non se poden prever aínda os seus efectos.

Presentación formal de ADEGAL

Nestas xornadas, a presidenta de ADEGAL, Mayte Joga, aproveitou tamén para facer unha presentación formal dos membros do consello directivo da asociación. Hoxe son 15, pero tal e como asegurou Joga, “este non é un proxecto pechado, polo que as caras irán variando ao longo do tempo”. A máxima responsable da organización definiu este proxecto, como algo “moi ambicioso”, que espera “estar á altura das expectativas” dos  membros do sector.