Romanos e castrexos prepáranse para convivir na Festa do Esquecemento de Xinzo

esque
Romanos e castrexos prepáranse para convivir na Festa do Esquecemento de Xinzo

A vila de Xinzo ultima os preparativos para recibir a uns 400 romanos e castrexos que durante a fin de semana van convivir no Toural. Chega a décimo sexta edición da Festa do Esquecemento e faino, segundo a organización, cun aumento de participantes no festexo.

O venres será o primeiro día da festa e dará comezo coa apertura do mecado ás 20h que conta con 35 postos. O campamento abrirá ás 22.30h e co tradicional desfile ás 23.30h quedará inaugurada unha nova edición do Esquecemento. Por diante tres días nos que haberá representacións teatrais, desfiles, recreacións de batallas e música de Habelas Hainas. Non faltarán os espectáculos de lume polas rúas e os xogos tradicionais no campamento.

Dende Civitas Limicorum queren animar á xente a que participe na festa vestíndose de romanos ou castrexos aínda que non formen parte do campamento. Queren espertar o espíritu do Esquecemento dos primeiros anos cando a participación na festa era maior.

Así as cousas dende a organización destacan que están moi satisfeitos pola implicación da xente no festexo sobre todo dos establecementos da vila.

Agora toca unha semana de construír as vivendas no campamento e agardar que o tempo non estropee a festa que recrea a chegada das lexións romanas á beira do río Lethes.