O rural da Limia recupera as xuntanzas semanais entre familias con fillos pequenos

viso
O rural da Limia recupera as xuntanzas semanais entre familias con fillos pequenos

CDR O Viso pon en marcha o que se coñecía como "preescolar na casa"

A Educación Infantil Familiar chega o rural da limia para ofrecer un servizo socioeducativo dirixido a nenas, nenos e familias e faino da man do CDR O Viso.

Os 11 concellos da comarca poderán formar parte destas xuntanzas ás que acoden familias con fillas e fillos de 0 a 3 anos. Nelas trataranse inquedanzas, compartirán experiencias, xogo libre, aprendizaxe...medrar como familia ó tempo que se adquire formación educativa.

Nun principio as xuntanzas serán semanais e darán comezo en canto estean os grupos formados polas aldeas. Nestes intres os concellos están facilitando o censo de cativos e os espazos nos que se poderá levar a cabo este programa.

Faranse actividades conxuntas como cantigas ou contos, e logo haberá partes diferenciadas para pais e nenos."A clave desto é que a familia ten que saber que eu podo estar pelando as patacas e traballando co meu fillo, que hai máis educación que a escola", sinala Antonio Rodríguez, que todo mundo coñece por Toño. El foi quen puxo en marcha na Limia o que se coñecía como "Preescolar na casa" que estivo vixente dende 1985 ata 2012.

Agora volve este servizo baixo outro nome pero cos mesmos obxectivos. Un deles o de concienciar da importancia do papel da familia á hora de apoiar a evolución do cativo. Outro, contribuír a crear unha cultura de educación infantil familiar e ó desenvolvemento da cutura e a lingua galega. Todo isto ó tempo que se dinamiza o rural.

Este proxecto asúmeo Lucía Nóvoa, de Laroá, que se formou en Maxisterio e Psicopedagoxía. Unha moza que se define como activista do rural e que agora será a acompañante desta viaxe educativa que ademais comeza con moitas ganas. "Foi un proxecto que non tiña que ter desaparecido. O preescolar na casa galego foi un referente en países como Francia ou Reino Unido e en Galicia deixárono desaparacer", comenta Lucía.

O programa ponse en marcha cunha subvención do Ministerio de Asuntos Sociais a través da Confederación de Centros de Desenvolvemento Rurais, da que forma parte o CDR O Viso.