Os sanitarios da comarca comezaron a facer as probas do estudo de prevalencia sen saber se eles están infectados

IMG_20200424_104314_1[205]
Os sanitarios da comarca comezaron a facer as probas do estudo de prevalencia sen saber se eles están infectados
Enfermeiras e médicos dos centros de saúde da comarca comezaron onte a recibir aos primeiros usuarios do Servizo Galego de Saúde escollidos ao azar para participar no estudo de prevalencia do novo coronavirus

Nos centros de saúde da comarca realizaranse 688 probas do estudo de seroprevalencia.

O estudo epidemiolóxico para coñecer a incidencia do COVID-19 na poboación de Galicia arrincou este xoves na comarca co "enfado" de persoal de enfermaría e médicos de Atención Primaria pola falta de "información pormenorizada" e de medios en centros de saúde, que farán os test para este traballo.

Así o trasladaron colectivos sanitarios, que comentaron que este pasado xoves o persoal de enfermaría comezou a chamar aos pacientes escollidos ao azar para o estudo, aos que se lle fai unha enquisa sobre se tiveron síntomas compatibles co coronavirus e citáronos para a extracción que hoxe venres se está xa a realizar nos diferentes centros de saúde da comarca. "A xente está a responder ben", comentaron.

Puzle fotos

Mesmo a propia responsable do sindicato de enfermería Satse en Galicia, Carmen García, subliñou que o persoal de enfermaría de Atención Primaria "non foi informado pormenorizadamente" sobre a realización do estudo. "Están a facelo de forma precipitada", criticou, para lamentar que "non se informou coa antelación necesaria". Insistiu en que "non é a forma" de realizar este estudo epidemiolóxico e trasladou "o enfado dos profesionais" de Enfermaría, que "o atoparon como un feito consumado" o que, ao seu xuízo, fai que "non se poida planificar ben" o traballo, cando "o leva anunciando unha semana o presidente" da Xunta. "Están moi molestos porque non se informou adecuadamente", abundou.

Metodoloxía

O Sergas explicou que a mostra da primeira fase que arrincou este xoves é de 50.925 persoas para toda a comunidade autónoma, 732 no distrito sanitario de Verín e empezouse a chamar á xente -seleccionada a partir de indicacións do Instituto Galego

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, explicou que esperan "nunha semana ou en 10 días" ter a mostra realizada e en "dous ou tres días" máis os "primeiros" datos "preliminares".

Na segunda fase, puntualizou Aboal, vaise "a repetir unha mostra do mesmo tamaño catro semanas máis tarde". Así, a última semana do mes de maio, previsiblemente, faranse outros 50.925 test e outros tantos cidadáns será chamados no marco desta mostra aleatoria.

Por medio deste estudo epidemiolóxico, a Consellería de Sanidade persigue un triple obxectivo: estimar a prevalencia da inmunidade fronte ao Covid-19 nas diferentes localidades, definir cal é a súa repercusión, dacordo ás variables de sexo e idade, e, finalmente, monitorizar a evolución da pandemia durante o período comprendido entre esta primeira onda e a segunda, que se realizará dentro dun mes.

As probas por concellos

Por concellos da comarca, o maior volume de mostras realizarase en Xinzo, no que participarán 315 persoas. Coa maior participación séguelle o de Bande e Lobios, 46 cada un con 27 pacientes seleccionados no seu centro de saúde de Entrimo e 32 no de Muiños. O resto das 688 probas previstas repártense do seguinte xeito: Baltar, 21 Blancos 14; Calvos 11; Lobeira 17;Rairiz 30;Sarreaus 27;Sandiás 27; Trasmiras 25;V. de Barrio 31 e V. de Santos 19.


Para seleccionar aos participantes, o Sergas deseñou un mapa epidemiolóxico de Galicia a través de dúas mostras de 50.925 persoas, distribuídas entre as diferentes comarcas e concellos. Así, e dun xeito aleatorio, o Instituto Galego de Estatística (IGE) seleccionou unha mostra representativa por sexo e idade das diferentes comarcas do conxunto de Galicia.

A mostra realizarase mediante a participación do persoal de Atención Primaria de todos os centros de saúde, desde os que o persoal de enfermería contactará telefónicamente cos participantes do seu cupo para, tras unha pequena enquisa telefónica, citalos para a realización da proba e, en función dos resultados, que se coñecen en 15 minutos, será o seu médico o que lle comunicará a cada paciente as instruccións a seguir, en función dos resultados, que asemade se recollen nun aplicativo específico para súa posterior análise.

Pequena punción

A recollida das mostras consiste na realización dun test rápido, para o que só e preciso unha pequena punción nun dedo, para obter unha pequena mostra de sangue, que se introduce no dispositivo de test rápido que, mediante un medio reactivo, indica se esa persoa tivo contacto co virus Sars-Cov2, que orixina a COVID-19, ou non.

Ademais, no caso de que a persoa seleccionada para realizar a proba se atope encamada, o persoal do seu centro de saúde desprazarase ata o seu domicilio. Os resultados das probas comunicaranse no mesmo día da súa realización, por medio dunha nova chamada telefónica.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) encargouse de determinar o tamaño preciso para esta mostraxe, de xeito que permita debuxar o mapa epidemiolóxico das catro provincias galegas. Así, a poboación que será obxecto de investigación permitirá estratificar a influencia da pandemia por áreas territoriais; a prevalencia do virus, segundo os diferentes tramos de idade (de 0-18 anos, de 19-64 anos e de 65 ou máis anos) e sexo.

O estudo epidemiolóxico beneficiará a toda a poboación, pois, os resultados permitirán un coñecemento profundo da epidemia da COVID-19; adoptar as medidas sanitarias e de confinamento máis axeitadas; coñecer a súa incidencia, de acordo as variables de sexo, idade, área territorial; poder programar ordenadamente o regreso á normalidade dos sectores produtivos e, sobre todo, poder anticiparse perante a posibilidade de novos contaxios potenciais.

A mostra de participantes fíxose con tres subgrupos por diferenzas de idade: menores de 19 anos, entre 19 e 64 e maiores de 64 anos, co fin de contar cos resultados da circulación na poboación infanto-xuvenil, na adulta e na terceira idade.

O estudo pretende coñecer con exactitude a circulación que tivo o virus na comunidade autónoma para, matizou Aboal, "planificar o desescalado, a volta á normalidade" e, por outra, "ter preparados os recursos sanitarios tanto en Atención Primaria, como en Hospitalaria, Urxencias, plantas de hospitalización e UCIs para previr unha segunda onda".