Santa Comba de Bande e A Saínza únense a través do Camiño Natural da Vía Nova

camiño natural
Santa Comba de Bande e A Saínza únense a través do Camiño Natural da Vía Nova

O trazado estará totalmente operativo en primavera

Os traballos de acondicionamento do Camiño Natural da Vía Nova comezaron en 2014 e están a piques de rematar. Os arqueólogos David Pérez e Celso Hugo Barba son os encargados de supervisar os traballos que consistiron na limpeza do itinerario, consolidación de pasarelas e pontes de madeira para cruzar os regatos, así como o levantamento de muros, entre outras.

Por diante o que lles queda é colocar 26 paneis explicativos sobre os diferentes bens patrimonais que se poden ver ó longo do percorrido. Así as cousas, estiman que para a primavera o camiño estea totalmente operativo.

camiño 4

"O Camiño Natural da Via Nova, fundaméntase seguindo o trazado dunha calzada romana:a Via XVIII ou Via Nova do Itinerario romano de Antonino. Esta foi construída a finais do seculo I da nosa era, por mandato da dinastía Flavia e inaugurada no ano 79. Foi para a época unha vía de alta capacidade, pois tiña case 10 metros de ancho e o seu trazado foi deseñado maxistralmente a media ladeira polos enxeñeiros romanos; no caso da Limia, para evitar o seu asolagamento construíuse sobre unha lomba de dous metros de alto que foi destruída durante as labores de disecación da lagoa de Antela", sinala David Pérez.

Destaca a súa relevancia patrimonial e histórica, falamos dun trazado que unía as cidades de Braga e Astorga co sur de Galicia para darlle saída ás mercadorías e mineirais que explotaban os romanos.

O actual camiño natural e agora recuperado permite percorrer toda esta historia rodeados pola paisaxe do Val do Limia. En concreto, ó longo do seu trazado pódese visitar a igrexa de Santa Comba, o campamento romano Aquis Querquennis ou a Carballa da Rocha, entre outras moitas cousas.

camiño 3

Este proxecto levouse a cabo pola labor do técnico do Parque Natural Baixa Limia-Serra Xurés, confiando nas posibilidades deste camiño e na riqueza histórica que conleva. A financiación veu do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino.

Agora os arqueólogos sinalan que o importante é que se manteña ben acondicionado por partes dos concellos polos que transcorre, e que se leve a cabo unha boa campaña para dalo a coñecer.

"Gustaríanos seguir coa recuperación da Via Nova, sobre todo en Güín , onde hai un tramo moi ben conservado, ademais de seguir coa recuperación do foxo do lobo de Guende, o castro dos Castelos en Entrimo, e agora que imos ser veciños Alta e Baixa Limia no programa Lider, desenvolver unha actuación conxunta de promoción turística de ambas comarcas", conclúe o arqueólogo David Pérez.