O SERGAS e a Escola Rural de Saúde da Limia axudan a comprender e desmitificar a depresión

Taller Depresión
O SERGAS e a Escola Rural de Saúde da Limia axudan a comprender e desmitificar a depresión
Xinzo acollerá un obradoiro sobre esta doenza os vindeiros 8 e 9 de maio REDACCIÓN redac@dendealimia.com A Escola Galega de Saúde para Cidadáns...

Xinzo acollerá un obradoiro sobre esta doenza os vindeiros 8 e 9 de maio

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

A Escola Galega de Saúde para Cidadáns do Sergas impartirá en colaboración coa Escola Rural de Saúde da Limia un obradoiro que axude a pacientes, familiares e cidadáns en xeral a comprender mellor a depresión. O que se persegue é mellorar a información sobre esta doenza así coma desmitificala, para chegar a normalizar o concepto de depresión na sociedade.

A cita será os vindeiros 8 e 9 de maio na Casa da Cultura de Xinzo de Limia entre as 16:30 e as 19:30 horas. A primeira sesión, será programada polo Sergas, e dirixida pola psicóloga clínica Marta González Rodríguez que explicará o concepto de depresión así coma as súas causas, tipoloxía e tratamento, ademais de dar consellos sobre como axudar a alguén con depresión. Para o venres día 9, é a Escola Rural de Saúde quen se encarga da programación e a poñente será  Enma Pinedo Menéndez, naturista, homeópata e nutricionista holística. Desta volta tratarase o tema da depresión desde o punto da medicina holística e a terapia alternativa complementaria que se basea nos poderes de curación naturais do organismo.

Todos os que desexen acudir a este taller deberán inscribirse previamente ben na páxina web da Escola Galega de Saúde para Cidadáns, ben escribindo ao enderezo de correo electrónico escolaruraldesaudedalimia@yahoo.es, ou en persoa na Casa da Cultura, Planta 1ª, aula 2, pola mañá de luns a venres entre as 10 e as 13 horas, e os xoves pola tarde de 16 a 18:30 horas.