A serie web Produto Interior Bruto dende a Limia ós Mestre Mateo

mestre
A serie web Produto Interior Bruto dende a Limia ós Mestre Mateo

O P.I.B é finalista na categoría de mellor serie web 2016

O Produto Interior Bruto nace no ano 2012 da man dun grupo de rapaces da Limia que quixeron achegar o humor máis surrealista a través de varias personaxes principais. Richi e Maxi son os protagonistas deste espazo de humor que opta a gañar o premio Mestre Mateo na categoría de mellor serie web 2016. O certame terá lugar este sábado en A Coruña.

Noraboa pola nominación, como recibistes esta boa nova?

Dende o PIB recibimos con moita ilusión a nominación da academia galega do audiovisual. Ser finalistas nos premios Mestre Mateo e para nós a mellor maneira de agradecerlle a todo o grande equipo de profesionais, colaboradores e patrocinadores que nos brindaron o seu apoio.

Como repercute este recoñecemento no voso proxecto?

Este recoñecemento é para nós fundamental á hora da distribución. Hai moita xente que aínda non nós coñece, e que a Academia poña o foco en nós é unha grande axuda para mostrar o universo PIB.Ademais a recente nominación no festival internacional Caraballo Interplay como mellor webserie galega, e a nominación a mellor director de webseries da Asociación Galega de directores nos premios CREA supoñen un gran empuxe a nosa produción.

Como nace o P.I.B?

O proceso de construción foi lento onde varias ideas e propostas foron consolidándose no formato final. Nun principio, o PIB foi deseñado como unha serie de sketches \“surruralistas\” onde existían varias personaxes principais. O nacemento do Richi e o Maxi foi a chave do formato actual. Nembargantes este proto-PIB foi a base do noso universo Interior que despois trasladaríamos a serie.

Que papeis desenvolvedes cada un de vos dentro deste proxecto?

\“Os ghairas\” somos os pais do PIB. O noso colectivo esta formado Mighele de Currás, que é quen dirixe e os actores protagonistas, Héctor Casas e Alfonso Míguez. Os tres ademáis encargámonos do guión, comunicación, distribución, deseño e de parte da produción.

Sen embargo este proxecto non podería ser posible sen a colaboración de grandes profesionais como o músico serbio Zoran Djukanovic, e o apoio material, técnico ou creativo de Rubén Cao, Pablo Viña, Xavier Leiro, Pablo Risco, Alba Gómez, Galicia Gutiérrez, Mónica Cammarano, As pencas, Alba Araujo, Rafa, Jorge J. Martínez, Dani Gallego, Marieta Gil, Andrea Lorenzo, Violeta Montero, Victoria Mociños, Olmo Gómez, David Taboada. Sen eles este proxecto sería tan só unha idea.

Quen se encarga do guión?

Na construción do guión participamos os tres \“Ghairas\” de maneira equitativa. Cada un de nós aporta a súa sensibilidade ao proxecto. Non son poucas as discusións, risas ,horas perdidas e outras gañadas as que investimos na súa creación. É un proceso tan duro como creativo que nós permite explorar historias locais ou propias para así trasladalas ao universo PIB onde non existe corrección política nin límites.

Soedes mudar moito de localizacións á hora de gravar?

Cando comezamos a deseñar o proxecto sempre tivemos claro que nos interesaba xogar coa plasticidade visual da Limia; a chaira, as areeiras, as rectas, os seus lugares de interese e inclusive o feismo son elementos habituais nas nosas localizacións.

Para a creación do concello-planeta \“Curral de Abaixo\” recorremos a varias localizacións nos concellos de Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Xinzo de Limia, Ourense e A Merca. A nosa intención era situar aos seus habitantes nun universo propio, cheo de pequenos mundos, onde debido ao seu illamento puidesen fantasiar co coñecido ou por coñecer.

Como vedes hoxe en día o panorama audiovisual galego?

Hai medios que se fan eco do chamado \“boom\” audiovisual galego, onde a produción de webseries situarían a Galicia como unha potencia mundial. Sen embargo, isto recórdamos a outros sectores como o lácteo onde un alto potencial de produción non se traduce nunha rentabilidade real para a industria.

Esta situación onde o beneficio non xoga un papel principal quizais sexa a responsable de que se cren produtos máis arriscados, onde prime a creatividade ou experimentación.

Que opinades do resto de proxecto cos que tamén están nominados ós Mestre Mateo na vosa categoría?

O concepto webserie é un termo moi amplo onde teñen cabidas moitas propostas e formatos. Os produtos dos compañeiros Dalle jas, Gafas e Pallaso e Método Sueco son unha boa mostra da súa diversidade.

Cando coincidimos cos membros das distintas webseries, decatámonos que a todas nos une un gran esforzo e moita ilusión para facer o que nos gusta, que é contar historias.

Xa pensastes a quen dedicarlle o premio se o gañades?

Mellor esperar a ver que pasa. O que si que temos claro é que ser finalistas xa é un premio o cal dedicamos a todos aqueles que nos brindaron o seu apoio e cariño

Hai P.I.B para rato?

Esperemos que si. De momento, estamos centrados na distribución da primeira tempada. Estamos enviando o noso produto a distintos festivais e aínda nos queda moito traballo por facer e moitos sitios aos que chegar.

Ademais non descartamos unha segunda tempada chea de \“solpesas\” e pisiclín para os nosos protagonistas