jueves. 11.08.2022

A SGHN celebra o día dos Humidais na Limia

Esta organización, en colaboración do CDR O Viso e a Casa da Lagoa de Antela, prepara unha xornada cargada de...
Día dos humidais (2)

Esta organización, en colaboración do CDR O Viso e a Casa da Lagoa de Antela, prepara unha xornada cargada de actividades para este domingo

REDACCIÓN

[email protected]

Mañá domingo celébrase o décimo oitavo Día dos Humidais. Unha xornada que coincide co terceiro aniversario da Sección Antela da Sociedade Galega de Historia Natural, que preparou para a ocasión unha xornada chea de actividades.

O lema deste ano é “Humidais e agricultura: xuntos en prol do crecemento”, unha filosofía que comparte a Convención Ramsar principal valedora desta efeméride e a SGHN. Ambas organizacións coinciden en que “ a miúdo os humidais se consideraron un obstáculo para a agricultura, pero cada vez compréndese mellor o papel fundamental que desempeñan en apoio da mesma, así como a existencia de prácticas agrícolas exitosas que sustentan uns humedais sans".

O programa de mañá que é posible grazas a colaboración do CDR O Viso e da Casa da Lagoa de Antela, comeza ben cedo coa visita ás areeiras da Limia. Alí, un grupo de ornitólogos da SGHN dirixirán a observación da avifauna presente. Seguiralle a visita ao Centro de Interpretación da Lagoa de Antela en Sandiás, e á parcela en Vilaseca na que a SGHN intenta a recuperación dunha zona húmida.

O xantar será nas instalacións do CDR O Viso así como a actividade da tarde. Unha charla relacionada coa auga que dará comezo ás 16 horas, e que terá como relator a Serafín González Prieto o presidente da SGHN.

As actividades comezan hoxe

Se o tempo os acompaña, un grupo de voluntarios, e todo aquel que desexe unírselles, comezarán hoxe as celebracións do Día dos Humidais. A súa misión será a preparación da parcela que a SGHN ten en Vilaseca, para facilitar a nidificación de aves en perigo de desaparición na Limia.

Celebración anticipada

Os alumnos do IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia fixeron a celebración por anticipado o pasado mércores. Convertéronse así no primeiro grupo que visita o Centro de Interpretación da Lagoa de Antela neste ano 2014. Completaron a xornada coñecendo as areeiras recuperadas no concello de Sandiás.

Comentarios