Os socialistas de Xinzo piden a anulación do recibo do lixo en vivendas e locais baleiros

Os socialistas de Xinzo piden a anulación do recibo do lixo en vivendas e locais baleiros

O Grupo Municipal Socialista de Xinzo de Limia vai presentar unha moción para debater no vinderio pleno e na que solicitan unha modificación da ordenanza reguladora da taxa polo servizo de recollida do lixo.

Os socialistas levan meses atendendo as queixas da veciñanza tras recibir notificacións de novos recibos de lixo que lles reclaman con anos de atraso. "O PSOE puido constatar a emisión dunhas 1470 novas altas no catastro, o que está a provocar que numerosos veciños e veciñas estean recibindo notificación da taxa do lixo do ano en curso e de anos anteriores", destacan.

Falan de "caos" no sistema de recadación e reclámanlle ó grupo municipal e a propia Deputación que non informaran ós cidadáns do que está sucedendo. "Na maioría dos casos os contribuíntes tiveron que perder horas de traballo para facer as conseguintes reclamacións, tanto nas dependencias do Concello como nas da Deputación Provincial", sinalan os socialistas.

O recibo do lixo do Concello de Xinzo está regulado na ordenanza nª8 aprobada no 2014 cunha cota de 54,04€ para os casos da vila e de 44,95€ nos pobos. Segundo denuncian dende o PSOE , os recibos chegan multiplicados en función das novas altas que se fixeron, e co incremento do IPC anual correspondente.

Os socialistas na súa denuncia fan referencia a un artigo da Ordenanza municipal no que se di que \“ Art. 3.- 1. A obrigación de contribuír nace da efectiva prestación do servizo. Na modalidade do apartado a) do n.º 1 do art. anterior, a prestación do servizo entendese polo simple feito de que o Concello o teña establecido, aínda que o particular interesado non o utilice\”.

O feito é que hai vivendas e locais baleiros, sen licenza municipal de primeira ocupación ou mesmo sen subministración de auga e luz porque os propietarios non as habitan, ós que estan chegando recibos polo servizo de recollida de lixo. Dende o PSOE de Xinzo pídenlle ó goberno que estes casos se contemplen de xeito específico e que se contemple a exención do pago das taxas sempre que se acrediten con documentación.