martes. 03.10.2023

    O vindeiro sábado é o Día Internacional dos Humidais baixo o lema "Zonas húmidas para o noso futuro: medios de vida sostibles", para amosar a importancia destas no desenvolvemento sostible. Con tal motivo e festexando o seu V Aniversario, a Sociedade Galega de Historia Natural, organiza unha xornada especial pola Limia para tódalas persoas que queiran participar. 

O punto de encontro é na gasolinera da saída A-52 en Abavides ,ás 9.15h, o sábado día 6. Dende alí procederase á visita ó humidal artificial de Vilaseca onde están recreando o hábitat de veigas temporalmente asolagadas, para favorecer a cría da conícora. 

A seguinte actividade é pola zona de Sandiás, onde a SGHN traballa recuperando bancos areosos nos cursos fluviais da Limia-Antela antes da súa canalización, para conservar a cría de especies de flora e fauna ligadas a esta zona. Logo terá lugar unha comida por 12 euros no restaurante Novaíño. 

Pola tarde, o grupo achegarase ata Vilar de Barrio, á veiga de Gomareite, parte da antiga Lagoa de Antela, onde colaboran cun gandeiro local para a restauración ambiental do lugar como pasteiro asolagable, óptimo para a gandería extensiva. 

A xornada tamén se aproveitará para presentar "un conto de verdade", a historia de Antela contada por unha cegoña que será de distribución vía internet para axudar ó mantementeo da SGHN. A historia estará dispoñible en galego, castelán, portugués e catalán.

Para anotarse a estas actividades de balde poden facelo a través do correo electrónico [email protected].