Suma e segue de sentenzas para Antonio Pérez

alcalde desconsolado
Suma e segue de sentenzas para Antonio Pérez
La Voz de Galicia fíxose eco onte do que será o cuarto veredicto en contra do rexedor REDACCIÓN redac@dendealimia.com Antonio Pérez non remata...

La Voz de Galicia fíxose eco onte do que será o cuarto veredicto en contra do rexedor

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

Antonio Pérez non remata co suma e segue de sentenzas procedentes do xulgado do contencioso-administrativo de Ourense, tal e como informaba onte La Voz de Galicia. Con esta son xa catro, e todas elas anulan outras tantas contratacións de persoal realizadas “a dedo”. Tanto esta cuarta sentenza como as súas predecesoras foron trasladadas á vía penal, por existir, segundo os maxistrados, indicios de prevaricación. E de confirmárense estas sospeitas, Antonio Pérez podería perder a alcaldía.

O Concello de Xinzo recorrerá a decisión deste xuíz ante o Tribunal Superior de Galicia, como xa fixo coas anteriores, alegando de novo que os informes do Secretario que avisaban do seu proceder irregular, non chegaban ás xuntas de goberno. Porén, isto non parece convencer ao maxistrado autor desta última sentenza (e doutras dúas anteriores), quen asegura que a “contratación a dedo”, fíxose “con omisión total e absoluta do procedemento establecido, subscribindo o alcalde os contratos sen nin sequera ter ditado a pertinente resolución administrativa”. Esta actitude constitúe segundo o xuíz, “tan grave e groseira vulneración da legalidade vixente que, con independencia de que o alcalde lera ou non os informes desfavorables de Secretaría e Intervención, podería ser constitutiva dun delito de prevaricación”.

E este podería non ser o final, xa que existen outros cinco procesos abertos, e outros cinco casos máis foron xa denunciados.