Suspenden as obras na rúa S.Roque ata que pase a feira do 26

lousas
Suspenden as obras na rúa S.Roque ata que pase a feira do 26
Foi unha das peticións dos comerciantes nunha reunión cos responsables municipais a semana pasada

A substitución retómase a próxima semana e a do executivo local é que a renovación do firme no casco histórico finalice o 14 de xullo, coincidindo coa seguinte feira.

A feira do 27, que pasará no calendario ao 26 de xuño por coincidir en domingo, celebrarase con normalidade en Xinzo de Limia a pesares das obras que se están levando a cabo no casco histórico. O Concello quere facilitar o tránsito de peóns durante a feira, polo que decidiu que os traballos non se volvan a por en marcha ata despois da mesma. Con todo, e debido ao bo ritmo co que se están a substituír as lousas deterioradas na zona, o executivo local confía e que a actuación estea finalizada para o día 14 de xullo, coincidindo coa celebración da seguinte feira.

Cómpre recordar que en menos dun mes, o Concello acometeu a reparación e substitución de ao redor de 400 baldosas, a metade das que se encontraban deterioradas e foron contabilizadas na memoria do proxecto. Un total de seis rúas precisaban unha actuación urxente, non só para embelecer o corazón da vila, senón para minimizar os riscos de caídas e lesións dos veciños e visitantes que por el transitan. Unha vez rematados os traballos na rúa Galicia e Constitución, os operarios continuaron no último tramo da vía Lepanto e San Roque.

A orografía do terreo e a pouca resistencia do firme provocou as roturas das lousas, que xa foron obxecto de melloras nos últimos anos. As obras que están a piques de rematar son unha necesidade urxente pola demora da subvención do Plan Hurbe. Á espera de que a Consellería de Medio Ambiente dea luz verde á axuda solicitada e se poida levar a cabo unha actuación máis completa, o executivo local puxo en marcha os traballos, que contan cun presuposto de 47.295 euros para a substitución de 800 lousas no casco vello.

Esta actuación, que rematará a mediados de xullo, ten como obxectivo revitalizar o sector económico da vila, potenciando o pequeno comercio que se estende pola zona, na que hai dende tendas familiares ata despachos profesionais e establecementos de hostalería.