“E sobre ti non caerá xamais o Esquecemento”

Esquecemento 1
“E sobre ti non caerá xamais o Esquecemento”
A recuperación do campamento de castrexos e romanos trae aires de renovada ilusión á recreación do paso do Lethes MARÍA FERNÁNDEZ...

A recuperación do campamento de castrexos e romanos trae aires de renovada ilusión á recreación do paso do Lethes

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

Ano 137 a.C., o estrondo dos tambores anunciaba a chegada das hostes romanas, e o Sol refulxía sobre as armaduras de centurións e lexionarios. Parecían prestos para outra batalla na súa viaxe de conquistas por toda a Gallaecia, pero non era esta unha praza calquera. O medo campaba ás súas anchas entre os soldados, o medo a cruzar o río. Un único pensamento ocupaba as súas cabezas, o temor de esqueceren todo o vivido ata o momento. Dicíase do río Lethes, o río Limia, que era a porta do Ades, do mundo dos mortos, e que nel bebían os defuntos para deixar atrás as súas vidas pasadas e habitar na ultratumba.

Centurións, soldados, e ata o augur intentaron en vano convencer ao único escéptico da tropa, Décimo Xuño Bruto, o xeneral. Desoíndo todas as advertencias, e seguro de que o que os seus homes precisaban dunha proba de valor do seu líder, somérxese nas augas verdosas do río, e crúzao. Unha vez alcanza a outra marxe, unha ovación do público devólvenos de súpeto a 2013, e á XIII edición da Festa do Esquecemento.

Así, envolto polas bandas sonoras máis clásicas das pelis de romanos, Décimo chama un a un aos seus homes, para demostrarlles que ao que tanto temían, non era máis ca unha lenda. As tropas alcanzan así o territorio dos límicos, que observan como o río, a súa fronteira infranqueable, caeu. Sucédese logo unha ardua batalla na que ambos bandos loitan ferozmente.  O bando romano faise ca vitoria, e o Sol quenta duro sobre o parque do Toural.

Entre os actores e figurantes perfectamente ataviados ao estilo da época, vense caras cansas e séntense voces quebradas, pero a expresión é de satisfacción, despois de dous días de festa rachada no campamento. Un campamento que foi sen ningunha dúbida, e a pesar de terse situado lonxe dos escenarios da recreación, o espírito da festa. Nel ata 26 grupos de castrexos e romanos, de limiaos e visitantes, conviviron en tendas e cabanas enchendo de “bo rollo” a celebración, xa por aquel entonces os nativos da Limia eran hospitalarios cos forasteiros.

Conchi Ojea, presidenta da asociación organizadora deste evento, “Civitas Limicorum”, vestida de castrexa e sempre cun sorriso, contábanos onte, que estaba “moi satisfeita” de cómo discorreu a festa. “Todo saíu segundo o esperado e tivemos unha  participación moi alta”, asegurábanos tras a batalla na que lle tocou estar no bando derrotado. Conchi coincide en que a recuperación do campamento foi un acerto, “deulle moita vida á festa e a xente animouse moito máis a vir”. Estas boas cifras de participación supuxeron ademais boas novas entre o gremio hostaleiro.

A xornada de domingo redondeouse cun desfile de castrexos e romanos desde o Toural ata o campamento, ao ritmo da Banda de Gaitas de Xinzo de Limia. Durante o traxecto puideron detectarse indicios de anti-romanización por parte do bando nativo, ao berro de “é romano o que non bote”. A clausura do Macellum (mercado) e o apagado do Lume Sagrado puxeron punto e final a esta XIII edición da Festa do Esquecemento. Unha cita na que cada ano, un xeneral romano tira por terra o mito do “Flumen Oblivionis”, polo que será sempre merecente de que sobre el “non caia xamais o Esquecemento”.