Os últimos Suevos da Limia

Últimos Suevos da Limia
Os últimos Suevos da Limia

Os tempos preséntanse ruíns para acometer calquera iniciativa. Os recursos son escasos e moi ben aproveitados por parte de aqueles...

Os tempos preséntanse ruíns para acometer calquera iniciativa. Os recursos son escasos e moi ben aproveitados por parte de aqueles que rexen os destinos dos pobos. A I+D está choca. Os luceiros que rematan nas nosas universidades pronto os vemos no televexo en programas coma “Españoles por el mundo”. ¡Miúda inversión de futuro!.Formámolos cos nosos tributos para que outros países medren sen gastar un pataco con eles.

As correntes migratorias estiveron sempre presentes na historia da humanidade . Os altos e osbaixos son connaturais ó desenrolo das civilizacións. Se nos remontamos bastantes séculos atrás este cambio de latitudes faise latente na segunda metade do século V. Desaparece oBaixo Imperio Romano e aparece a Alta Idade Media. Cóntanos o noso paisano, o Bispo Idacio, que por esta época chegaban ás terras Limiás uns homes procedentes do destino que collen moitos dos nosos universitarios.

Estes forasteiros levaban o nome de Suevos, os cales fixeron da Bracara Augusta a capital do seu reino. A ociosidade e a galbana distinguíaos do resto dos xermanos, pero coincidían con eles na base de goberno que era a monarquía hereditaria e na facilidade que tiñan ós cambios. Convertido o monarca a fe dos seus súbditos estaba asegurada.

Estas dúas características aparecen reflectidas claramente nun dos concellos que conforman o Val do Limia. A transmisión do cetro municipal pasou con naturalidade de cuñado a cuñado. A fe dos seus súbditos está tamén intimamente vencellada a do seu rexedor. Priscilianistas, arrianos ou católicos… é o de menos, o mérito está na conversión total.

O único Concello de Galicia que nas municipais de maio do 2.011 sacou 7 de 7 para as ringleiras do BNG, meses despois quédase en 33 votantes; dos 317 que consegue CxG. Por pelos case non lle pagan ni o décimo.

Cando o Laudrup fichou polo R.Madrid ou o Figo polo Barça, nin os culés nin os merengues cambiaron de camiseta a pesar das faíscas que desprendían. Nin o SPORT nin o AS viron minguadas nin aumentadas as súas ventas. Isto deixa en evidencia que no noso país algo tan fundamental e necesario como é o fútbol é ben entendido. Os bubelos quedan relegados para outros eidos como pode ser a política.

O penoso é que o CESIC teña un déficit de cen millóns de euros e que leve dous anos sen recibir un can da Xunta. Senón era un bo tema de investigación o estudar o biotipo destes habitantes de Vilar de Santos e a súa relación ca xentiña de Teodomiro. Aínda que nos queda a posibilidade de agradecemento da señora Merkel , agora que deixa practicar nas súas empresas, que subvencione algún dos nosos universitarios expatriados pola necesidade, tan sequera no Instituto de Xenética Humana de Munich para un estudo cromosómico da tríade Suevos-Limiaos-Germanos.

Dáme no fío do lombo que cando o tío Lisardo desembarcou na quinta provincia galega, a súa altura, o seu pelo louro , a súa faciana clara e os seus ollos azuis farían pensar a máis de un que o barco non viña directamente do porto deVigo senón que soltaría as amarras nun dos peiraos da Baixa Sajonia.

Ah!!! Aproveito tamén para dicir que as historias dos pobos séguense cruzando como se unha sobrepioga os unise, neste caso por un sobre e un sobriño. Hai un galego que mandou un sobre para Arxentina e hai un case que Arxentino que ten un sobriño na Gallaecia.

Sobrelevémolos mutuamente.