Váiase Señor Ferro, váiase

José Luis Ferro
Váiase Señor Ferro, váiase
A oposición únese en Celanova para pedir a dimisión do alcalde por apoiar as prácticas “fraudulentas” do seu antecesor A sesión...

A oposición únese en Celanova para pedir a dimisión do alcalde por apoiar as prácticas “fraudulentas” do seu antecesor

A sesión plenaria celebrada onte no consistorio celanovés durou catro horas. Douscentos corenta minutos de tensión continua nos que o debate foi constante e nos que a oposición se mantivo fortemente unida en contra do grupo de goberno. Tan en contra, que mediante unha moción de urxencia o BNG pediu a dimisión do rexedor “por amparar e permitir as prácticas corruptas no seu Goberno”. Referíase o grupo nacionalista as supostas actividades irregulares do ex alcalde da vila, Antonio Mouriño, ao solicitar a prestación de desemprego cando abandonou voluntariamente o seu cargo o verán pasado. Prácticas que segundo a oposición, terían sido apoiadas polo grupo popular ao facilitarlle ao ex rexedor un certificado no que se indicaba que a razón da súa marcha era un cese involuntario.

Ante estas acusacións, o alcalde explicou no seu intento de defender aos seus compañeiros, que no certificado facilitado polo consistorio, cubriuse o cadro de “cese involuntario” porque “dos 33 supostos taxados, soamente dous serven para ceses de cargos públicos e ningún se axustaba a realidade, así que se escolleu ese”. Porén, as explicacións de Ferro, quen incluso recoñeceu que a pesar de ser unha manobra legal, el nunca tería actuado coma Mouriño, caeron en saco roto para a oposición, que na súa maioría, aprobou unha reprobación para o ex alcalde.

A oposición decide en Celanova

E é que semella que a oposición é quen decide en Celanova, ou polo menos quen ten a maioría dos votos, sete fronte aos seis do PP, desde que Monserrat Álvarez abandonou a bancada popular e se converteu en non adscrita. E foi mediante a unión dos seus votos que se aprobou a baixada do soldo do alcalde, a reprobación do seu antecesor e a petición da súa dimisión.

 Pouco a pouco, ao grupo de goberno estánselle acabando os recursos para exercer o seu poder, polo que o  alcalde viuse na obriga de recorrer á vía xudicial. José Luis Ferro anunciou na sesión plenaria que emprenderá accións legais contra a moción aprobada pola oposición o pasado seis de xullo pola se lle reduce o soldo e se eliminan dous das tres dedicacións parciais dos seus concelleiros. O rexedor asegurou que ter aprobado esta moción nun pleno extraordinario “é unha vulneración a sabendas da lexislación” que declarou obedece “unicamente a satisfacer os afáns de vinganza da traidora non adscrita”.

Pero a pesar das dificultades, o Señor Ferro non se vai. Definiu a moción que pedía a súa dimisión como “ridícula”, asegurou que se manterá no cargo e incluso se permitiu ironizar afirmando que “ o pleno está usurpando a miña personalidade e igual dimite por min”.