Un veciño da Limia falece no baño do hospital de Ourense tras recibir a alta médica

Ourense. 08-01-15. Local. Urxencias do Chúo en Ourense. Foto: Xesús Fariñas
Un veciño da Limia falece no baño do hospital de Ourense tras recibir a alta médica

A familia denunciou o caso pola posibilidade dunha neglixencia médica

Un home de 62 anos veciño da Limia pero residente en Madrid pasaba uns días pola zona. Atopouse mal cun malestar xeral e unha forte dor no peito e achegouse ata o PAC de Xinzo de Limia por urxencias. Dende alí derivárono ó Complexo Hospitalario Universitario de Ourense onde procederon a practicarlle unha revisión.

Logo de pasar diversas probas decidiron darlle a alta médica. Posteriormente o home dirixiuse coa súa muller á cafetería do CHUO e nun momento foi ó baño. Tras tardar máis do normal a súa acompañante foi na súa busca e ó abrir a porta do lavabo atopouno tirado no chan. O persoal sanitario que se achegou ó lugar non puido máis que certificar a morte do home.

Ante estes feitos a familia do falecido puxo unha denuncia polo que consideran unha posible neglixencia médica. Solicitaron tamén a realización dunha autopsia xudicial descartando a clínica.

O Sergas pola súa banda investiga de maneira interna as causas da morte do paciente para esclarecer o que sucedeu.

Nunha nota a dirección do hospital declinou pronunciarse ante os fetos por estar o caso en mans da xustiza. O que si confirmaron foi a apertura dunha investigación e dende o CHUO manifestaron que puxeron tódolos seus recursos para investigar as causas do falecemento.