“Vin a Galicia a pasar tranquilamente a miña vellez, non para que me maten a desgustos”

Baronzás 1
“Vin a Galicia a pasar tranquilamente a miña vellez, non para que me maten a desgustos”
Unha parella de emigrantes retornados que escolleu Baronzás para instalarse na súa xubilación, viuse metida de cheo nun preito pola...

Unha parella de emigrantes retornados que escolleu Baronzás para instalarse na súa xubilación, viuse metida de cheo nun preito pola aira que teñen diante da casa

MARÍA FERNÁNDEZ ROMERO

maria@dendealimia.com

Chea de pedras. Así foi como atoparon Lali e José a aira que teñen en fronte da casa cando regresaron a Baronzás, no termo municipal de Xinzo de Limia, hai uns días despois dunha viaxe. O certo é que este non é nin de lonxe, o primeiro problema que lles da este anaco de terreo que hai diante da súa vivenda.

Desde que chegaron a Baronzás hai máis de dez anos desde Bilbao, para instalarse aquí e pasar tranquilamente a súa vellez, a finca foi sempre motivo de preitos. Outros dous veciños do lugar alegan que a propiedade tamén é súa, e alí tiñan varios apeiros de labranza. José, tras comprobar nas escrituras da casa que adquirira, que a aira lle pertencía, decidiu abrir unha causa no xulgado para facer valer os seus dereitos sobre ela. O xulgado deulle a razón, en Xinzo e en Ourense, e os outros dous veciños retiraron as súas pertenzas dos terreos de José e Lali.

Porén, cando a parella se atopaba en Madrid visitando a uns familiares, recibiron unha chamada de teléfono dun terceiro veciño que os avisaba de que o terreo fora totalmente cuberto de pedras. Un feito que puideron comprobar nada máis poñer un pé na casa hai un par de días.

José e Lali están preocupados, entre outras cousas porque o barro que se forma nos días de chuvia pode facer que o seu coche patine e choque cunha das pedras. Polo de agora, agardan o consello do seu avogado para retirar ou non as rocas. “Eu sospeito que foron os veciños cos que temos este problema”, asegurounos José. “E creo que o fixeron durante a noite para que ninguén os vise, pero eu non estaba aquí, e tampouco quero comprometer a ninguén”, relatábanos o propietario desta casa de Baronzás. Recoñecen que a súa situación e complicada e despois de sete anos loitando declaran estar “fartos desta situación”. “Eu vin a Galicia para pasar a miña vellez tranquilamente, pero todos estes desgustos botáronme 100 anos encima”, laiábase a muller, Lali mentres nos mostraba a sentenza do xulgado na que se observa que os problemas desta finca xa afectaron a anteriores propietarios, pois remóntanse ao ano 1956.

“Arranxaron todo menos o noso”

A loita de Lali e José non remata en demostrar a propiedade da súa aira, senón que se estende ata a mesma administración local. Aseguran sentirse “discriminados polo Concello”. “Arranxaron todos os camiños de Baronzás menos o noso”, relataba Lali resolta. “Cando estaban as eleccións próximas, garantíronos que o acondicionarían e aínda estamos agardando”, explicaba o seu home.

Non saben como vai acabar todo o problema cos seus veciños nin se o Concello cederá finalmente a ocuparse do seu camiño, pero unha merecida xubilación que se agardaba tranquila estase convertendo en todo un pesadelo para esta parella.