A vindeira semana comezan as obras para por en marcha os camiños escolares seguros en Xinzo

escola
A vindeira semana comezan as obras para por en marcha os camiños escolares seguros en Xinzo

Os camiños escolares seguros están a piques de porse en marcha nos arredores do CEIP Rosalía de Castro e CEIP Carlos Casares. Os traballos van consistir na mellora dos pasos a peóns mediante o reforzo da pintura e mesmo creando outros novos polas vías prinipais de acceso ós colexios.

Así mesmo tamén se vai proceder a rebaixar as beirrarúas en determinados puntos para facilitar o paso dos máis pequenos. No chan vanse pintar unhas pegadas de pés que indicarán o camiño que teñen que seguir os nenos e nenas ata a porta da escola. Vanse colocar sinais coa imaxe da pataca Prudencia que vai ser a mascota destes camiños escolares seguros.

O que pretende o Concello con esta iniciativa é fomentar a autonomía dos máis pequenos e a súa responsabilidade. Ó principio irán acompañados por pais e monitores aínda que a intención é que rematen por quedar todos nun punto de encontro e marchen en grupo á escola. "Un xeito tamén de potenciar a socialización entre eles, aínda que claro os de menor idade sempre irán acompañados por un adulto", destaca o concelleiro de medio ambiente, Manuel Cabas. Outro dos obxectivos deste proxecto é reducir o tráfico e con iso a contaminación.

Para potenciar a participación do alumando en cada escola debuxarase unha serpe. Cada neno que transite o camiño marcado recibirá unha pegatina que colocará na imaxe. Cando esta quede totalmente cuberta os cativos recibirán unha recompensa.

A vindeira semana darán comezo os traballos para por en marcha os camiños escolares seguros, da man das brigadas de obras así como o alumnado do obradoiro de obras e medio ambiente.