domingo. 03.07.2022

Vinte maiores de 64 anos do pobo de Lamas combaten o deterioro cognitivo nun taller de prevención da memoria

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense e o Concello de Xinzo colaboran para mellorar a calidade de vida das persoas de máis idade e a iniciativa estenderase ao resto dos pobos

Visita de Elvira Lama ao taller de Lamas
Visita de Elvira Lama ao taller de Lamas

Coidar os recordos dos nosos maiores é o obxectivo polo que suman esforzos o Concello de Xinzo e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense. Xunto coa entidade organizáronse obradoiros para previr o deterioro cognitivo dos veciños de máis idade e esta tarde a iniciativa estase a desenvolver na parroquia de Lamas. A alcaldesa, Elvira Lama, e o concelleiro de Servizos Sociais, Alberto Martínez, acompañaron aos participantes.

O Concello de Xinzo de Limia e Afaor levan anos unindo as súas forzas mediante convenios de colaboración. Antes de que irrompese a pandemia os esforzos centráronse en ofrecer asesoramento ás familias e aos coidadores das persoas con problemas cognitivos. Agora ponse o acento na prevención. Os maiores de 64 anos son os destinatarios e a intención do executivo local e estender esta iniciativa ao resto dos pobos. Así, a través da concellería de Servizos Sociais ofrécense obradoiros de memoria que permiten frear o deterioro cognitivo dos maiores e loitar contra o esquecemento que causan enfermidades que se agravan coa idade.