Unha vintena de rapaces fan de Muíños “Natureza Viva”

Campos de traballo
Unha vintena de rapaces fan de Muíños “Natureza Viva”
Onte daba comezo no municipio un campo de traballo con participantes de entre 18 e 30 anos REDACCIÓN Vinte rapaces de idades...

Onte daba comezo no municipio un campo de traballo con participantes de entre 18 e 30 anos

REDACCIÓN

Vinte rapaces de idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos, participan desde onte no campo de traballo “Naturez Viva” no concello de Muíños. Estes mozos e mozas, que proveñen de Galicia pero tamén doutras comunidades do Estado, traballarán na recuperación de áreas degradadas, na mellora dos accesos ao propio albergue e na reforestación de zonas do parque de Outeiro da Cela.

Esta iniciativa forma parte da campaña de verán que organiza cada ano a Consellería de Traballo e Benestar, programa a través do cal xa tiveron lugar outros dous campos de traballo en Celanova e as Corcerizas, no municipio limiao de Vilar de Barrio.

Cine e natureza

O campo de traballo que se desenvolveu en Celanova, entre o 15 e o 31 de xullo, estivo centrado no mundo do audiovisual. Nel, unha trintena de participantes colaboraron na elaboración dunha curtametraxe pasando por tódalas estacións do proceso creativo: redacción do guión, produción, rodaxe, montaxe e posprodución. O das Corcerizas,  foi de carácter medioambiental e deu oportunidade a 20 rapaces, entre os días 1 e 12 de agosto.

Os campos de traballo están dirixidos á mocidade galega, española e mesmo a aquela que reside noutros países. Así os galegos de entre 18 e 30 anos que o desexen tamén poder optar a participar nalgún dos 49 campos que se organizan en todo o territorio do Estado, ou nalgún dos que se celebran en 27 países.