XINZO ADIANTE(XA), REPLICA TAMÉN O ALCALDE

IMG_8576
XINZO ADIANTE(XA), REPLICA TAMÉN O ALCALDE

A formación política XA, replica o alcalde a toma de postura , como alcalde en funcións tomada no caso do Pte. da Cámara de Montalegre

COMUNICADO DE XINZO ADIANTE SOBRE A RUPTURA DE RELACIÓNS INSTITUCIONAIS ENTRE O CONCELLO DE XINZO E A CÁMARA MUNICIPAL DE MONTALEGRE, ADOPTADA POLO ALCALDE EN FUNCIÓNS DE XINZO, D. ANTONIO PÉREZ.

O mércores, 3 de xuño de 2015, tivemos noticia da decisión adoptada polo actual alcalde en funcións de Xinzo de Limia, D. Antonio Pérez, de romper temporalmente as relaciónsinstitucionais entre o noso municipio e a Cámara de Montalegre. O motivo seica foi a visita do alcalde dese municipio fronteirizo á candidata do PSOE en Xinzo de Limia, Elvira Lama, e a sinatura dun acordo entre ambos, polo que se a candidata socialista de Xinzo accedía á alcaldía o alcalde de Montalegre se comprometía a intensificar as relacións institucionais entre os dous concellos.

Na mesma noticia infórmase de que o rexedor de Montalegre –anteIMG_8576 a reacción do actual alcalde de Xinzo de romper relacións institucionais e visto que nin sequera lle colle o teléfono- lle remitiu unha carta ao Sr. Antonio Pérez, na que, despois de constatar a obviedade de que teñen ideoloxías diferentes, lle indicaba que cumpría manter e intensificar as relacións institucionais. O Sr. Pérez seica indicou que \“la carta llega demasiado tarde\” e afirmou que \“es un alcalde de otro país y no se sabe lo que pinta en una campaña electoral\”, engadindo que \“las relaciones entre ambos ayuntamientos han sido cordiales. Eso va a cambiar a partir de ahora\”.

Ante esta situación, desde Xinzo Adiante realizamos a seguinte valoración:

1. Parécenos totalmente desproporcionada, ademais de temeraria e pouco madura a decisión do actual alcalde de Xinzo de Limia. Non resulta adecuado que, por un enfado persoal, este señor decida romper relacións institucionais co municipio de Montalegre. Nin os cidadáns de Xinzo de Limia nin os de Montalegre merecen ser vítimas dunha perrencha impropia dun mandatario.

2. A nós non nos gusta a presenza de \“paracaidistas\” nos actos dos distintos partidos nas eleccións locais: o Sr. Feijoó veu cear e apoiar ao alcalde durante a campaña e o Sr. Baltar veu dar un mitin e ningún deles era o candidato á alcaldía de Xinzo; o mesmo acontece co alcalde de Montalegre ou co Sr. Madina, que viñeron apoiar á Sra. Lama.

Pero forma parte do xogo político establecido. A Sra. Merkel apoiou ao Sr. Rajoy nas eleccións Xerais de 2008 que gañou o Sr. Zapatero e non por iso o goberno do Estado Español rompeu relacións con Alemaña. Non é axeitado personalizar tanto as cousas.

3. Semella que o Sr. alcalde de Xinzo mide a política, as relacións intermunicipais e a irmandade cos nosos veciños de Montalegre conforme a vendettas persoais e intereses de partido e electorais, no canto de preocuparse polo benestar da cidadanía do noso concello.

4. Tendo en conta que, grazas á Lei d’Hont, a veciñanza deste concello terá que aturar catro

anos máis a nefasta xestión do PP local co Sr. Pérez á fronte, apelamos á súa responsabilidade e esixímoslle que non leve ao terreo político e moito menos ao institucional as súas cuestións persoais e que actúe con sentidiño.

5. Hai que ter en conta que o consumo que os nosos veciños portugueses e, singularmente,

de Montalegre realizan en Xinzo nas tendas, cafeterías, restaurantes, comercios de todo tipo... é moi importante, podendo achegarse en determinadas épocas ao 25% do P.I.B. local.

6. Consideramos que calquera alcalde ou alcaldesa dun concello debe representar a toda a veciñanza e manter relacións cordiais cos concellos veciños e coas administracións central e autonómica, con independencia de que signo sexa o partido que goberne en cada unha delas. Cómpre comezar a facer política dun xeito diferente e erradicar clientelismos partidarios, propios dalgunha administración provincial por todos coñecida.