Xinzo debaterá unha moción para solicitar á Deputación a posta en marcha dun Plan Único

deputación ourense
Xinzo debaterá unha moción para solicitar á Deputación a posta en marcha dun Plan Único

A oposición pide un reparto "obxectivo" dos fondos "segundo os criterios establecidos pola FEGAMP".

No día de onte, os tres grupos da oposición no Concello de Xinzo –PSdeG, Xinzo Adiante e BNG– rexistraron unha moción conxunta para instar á Deputación de Ourense á posta en marcha dun Plan Único de cooperación cos concellos da provincia que permita un reparto "obxectivo" dos fondos "segundo os criterios establecidos pola FEGAMP" e que "incremente os recursos adicados a cooperación na liña do que xa están a facer as outras tres deputacións do país".

A moción é similar á que xa se debateu o pasado día 9 de agosto no pleno extraordinario da propia Deputación.

A moción é similar á que xa se debateu o pasado día 9 de agosto no pleno extraordinario da propia Deputación de Ourense e perséguese, segundo os impulsores, "dar cumprimento á verdadeira finalidade das deputacións", "rematar coas prácticas clientelares no reparto dos recursos públicos" e "garantir anualmente unha cantidade estábel e relevante de fondos aos concellos".

O Concello de Xinzo de Limia, malia non ser dos peor tratados dende o ente provincial, recibiu aproximadamente 360.000 euros no ano 2016 e 220.000 no 2017. Coa posta en marcha dun plan único que adicase arredor dun terzo do orzamento anual da Deputación a cooperación, a oposición afirma que se recibirían máis de 580.000 euros anuais.

A oposición afirma que se recibirían máis de 580.000 euros anuais.

"Nos últimos anos o resto de deputacións galegas veñen dando pasos para dotar de maior transparencia e obxectividade aos cartos destinados á cooperación municipal", afirman os impulsores da moción. Este esforzo rematou de concretarse no presente exercicio no cal as outras tres deputacións galegas puxeron en marcha plans de cooperación cos concellos dotados cun importante volume de fondos repartidos homoxeneamente segundo criterios que non dependen da cor política ou da afinidade do equipo de goberno. "A Deputación de Ourense non pode ficar á marxe destes avances e seguir coa política actual de discriminación en base a criterios só coñecidos polo seu Presidente e o grupo que o apoia", engaden.