Xinzo dividido en torno á organización do Entroido

GRAFICA2
Xinzo dividido en torno á organización do Entroido

O voto na enquisa do dendealimia.com estivo moi polarizado.

Xa pasaron unhas semanas tralo remate deste Entroido 2017. Dende este xornal decidimos consultar á cidadanía arredor da súa percepción sobre a organización deste ano. Para iso empregamos unha das ferramentas máis habituais no xornalismo dixital, que son as enquisas.

Opinións a favor e en contra do formulamento desta enquisa, non faltaron. O resultado, porén, foi que a mesma contabilizou un total de 3915 votos. Malia que cun pouco de coñecemento, como atinadamente dixeron algúns, pódese votar nela máis dunha vez, os datos outorgados pola ferramenta de análise do tráfico web Google Analytics, achégannos a cifra de 3490 usuarios únicos que votaron na enquisa. Xa que logo, e debido ao elevado número de votos, o resultado non sufriu desaxustes cara ningunha das dúas direccións.GRAFICA1

A análise dos resultados, como ben mostran as gráficas, outórgannos unha veciñanza cunha opinión polarizada. As dúas opcións máis votadas foron as de "moito mellor que o ano pasado" e a de "moito peor que o ano pasado". Con todo, máis do 60 % dos veciños e visitantes que votaron na enquisa consideran que o traballo organizativo estivo mellor ou moito mellor que na edición do 2016. Este dato enfróntase a case un 35% que a considerou peor ou moito peor.

O noso obxectivo será seguir informando á veciñanza da limia e continuar constituíndo unha ventá aberta a todos aqueles que queiran verter as súas opinións neste portal mediático, sempre dende o respecto e a tolerancia. A opinión oficial do medio foi verquida na nosa primeira editorial, que aínda se pode consultar na portada da nosa páxina web.

Por moitos máis anos do mellor Entroido do mundo!

Estes son os datos, súas son as conclusións.