Xinzo recoñece a traxectoria de Rubén Diz, o rei galego dos 10.000 metros

Rubén Diz
Xinzo recoñece a traxectoria de Rubén Diz, o rei galego dos 10.000 metros
O Concello outorgaralle ao atleta unha placa conmemorativa en recoñecemento a toda a súa carreira profesional REDACCIÓN O rei galego dos 10.000...

O Concello outorgaralle ao atleta unha placa conmemorativa en recoñecemento a toda a súa carreira profesional

REDACCIÓN

O rei galego dos 10.000 metros naceu na Limia hai 34 anos, e o próximo 29 de agosto o Concello de Xinzo, entregaralle unha placa conmemorativa en recoñecemento a toda a súa carreira como deportista profesional.

A corporación municipal abrirá un expediente de honra en favor de Rubén Diz, debido a  todos os méritos que acadou no eido do atletismo, desde que debutara aló polo ano 1994. Entre as súas conquistas máis recentes, están ter sido o campión galego de 10.000 metros en pista, a pasada primavera, así como ser convocado pola Selección Galega para Campionato Nacional de Cross, celebrado en Granollers. Pero isto, son só os últimos logros dun veterano, que conseguiu erixirse sétimo de Europa no Campionato Sub-23 do ano 2001, converténdose así, no mellor atleta español na proba dos 10.000 metros lisos.

Ademais de ser historia e promesa viva do deporte limiao, Rubén Diz dedica boa parte do seu tempo a formar os futuros atletas da comarca, que baixo a súa dirección e consello teñen acadado éxitos a nivel provincial, autonómico e estatal. Competición e adestramento que combina, así mesmo, coa ensinanza, como non, da Educación Física, no centro Guillelme Brown de Ourense. Toda unha vida, a de Rubén Diz, consagrada ao deporte, á dedicación, ao esforzo, e á disciplina que será recoñecida como merece polo consistorio limiao.