Xinzo, refuxio dos guerreiros do lume
O pavillón da localidade converteuse na base temporal da UME, que colaborou na extinción do incendio de Cualedro, o máis grave deste verán en Galicia
MARÍA FERNÁNDEZ ROMEROCesaron as lapas, por fin deron un descanso, a pesar de deixaren o aire irrespirable e o medo no corpo. Onte a noite, a iso das nove, quedaba extinguido o lume da parroquia de Seoane de Oleiros, que ameazaba a Limia desde o domingo ás 15:08. Devastou todo ao seu paso, as estimacións provisionais falan dunha superficie de 38,8 hectáreas, aínda que as cifras bailan, onte calculábanse 55, e seguramente continuarán a bailar mentres non se leve a cabo o parametrizado oficial. Pero cando menos, hai hoxe calcinados en Seoane, a equivalencia a 18 campos de fútbol de monte arborado, e 16,8 de raso.
Os medios involucrados para intentar salvar o monte limiao foron numerosos: 6 axentes forestais, 26 brigadas, 11 motobombas, 4 palas, 10 avións e outros tantos helicópteros. Os veciños, que tamén uniron as súas forzas aos profesionais, tardarán en esquecer o suceso, porque a negrura no monte que verán cada día ao saíren pola ventá, recordarallo durante anos.
Non moi lonxe de Seoane, aínda arde. En Cualedro, o lume devorou cerca de 2.000 hectáreas entre os focos de Vilela e A Xironda. Un caos de fume, cinzas e tensión que comezou no mediodía do pasado sábado e que aínda continua, chegando no seu punto álxido a arder en frontes de 9 quilómetros de lonxitude. A situación en Vilela era alarmante. Por este motivo, mobilizáronse 264 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), concretamente do V Batallón de Intervención (BIEM V) de León.
Unha tropa de guerreiros que pelexaron con bravura contra o inimigo e que tiñan como base e refuxio, o pavillón polideportivo de Xinzo de Limia. Desde aí, coa vila limiá como centro neurálxico e de operacións, coordinaron todos os medios necesarios para a loita: 18 autobombas, 6 vehículos nodrizas, e catro avións anfibio das Forzas Áreas, que chegaron a realizar ata 54 descargas de auga sobre Cualedro. Unha loita sen cuartel nin descanso, que facía mella nestes guerreiros que a pesar da súa valentía e profesionalidade, son homes ao fin e ao cabo.
Os efectivos da UME xunto cos brigadistas da Brif, así como todos os medios locais e autonómicos que traballaron arreo para salvaren o que outros con tanto empeño intentan destruír, son os verdadeiros heroes e protagonistas, seguramente moi ao seu pesar, destes últimos días na provincia. Desta última semana, e por desgraza de case cada verán, porque parece que non temos aprendido nada.