viernes. 09.12.2022

Xinzo e Sandiás alíanse nun novo Obradoiro de Emprego

Revalorizará o Camiño de Santiago e favorecerá a inserción laboral

escombreira
escombreira

Un total de 20 alumnos realizarán obras de carpintería e xardinería nos dous concellos e nun período de formación de 12 meses

Os Concellos de Xinzo de Limia e Sandiás volven a unir as súas forzas para revalorizar o Camiño de Santiago e favorecer a inserción laboral de persoas desempregadas, tralo éxito da iniciativa levada a cabo nos últimos meses e que conseguiu converter unha antiga escombreira a carón do río Limia nunha zona de esparcemento para veciños, veciñas e peregrinos. Así, ambos concellos promoven o novo Obradoiro de Emprego no Camiño 2022. Un total de 20 alumnos realizarán así traballos que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida e relacionada directamente co devandito traballo favorecerá a súa inserción no mercado laboral. O obradoiro está cofinanciado pola Xunta de Galicia no marco das subvencións para os obradoiros duais de emprego.

No caso do concello de Xinzo de Limia, establécense actuacións como a instalación de bancos e xardineiras nos cubre contedores de lixo e noutros espazos do municipio. Tamén se prevé acondicionar un parque e unha zona verde en Rosalía de Castro. No concello de Sandiás levarase a cabo o acondicionamento das áreas recreativas de Couso de Limia, Souto e Chousela. Tamén se actuará no Campo de San Nicolás ou no patio do edificio de vivendas sociais de Piñeira.

Para a xestión e desenvolvemento do Obradoiro contratarase a 20 alumnos traballadores (15 correspóndenlle a Xinzo de Limia e 5 a Sandiás). Tamén se incorporará un director ou directora; un monitor ou monitora para a especialidade de Instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e outro/a para a especialidade de Instalacións de elementos e carpintería. Tamén se contratará un administrativo/a.

A selección do alumnado, así como do persoal directivo, docente e administrativo de apoio participante no proxecto será realizada mediante un procedemento específico atendendo ás prioridades da iniciativa, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade. Nos criterios de selección de todo o persoal procurarase a maior adaptación das persoas que se van a seleccionar e ás particulares circunstancias de dificultades destas.  As bases de selección poden consultarse na páxina web do Concello de Xinzo de Limia.