Xosé Carrera Abelleira encargarase de “Ler e Contar” en Dende A Limia

Foto
Xosé Carrera Abelleira encargarase de “Ler e Contar” en Dende A Limia
Pouco a pouco a nosa familia vai medrando e enchéndose de celebridades limiás, que queren aportar un pouquiño da súa...

Pouco a pouco a nosa familia vai medrando e enchéndose de celebridades limiás, que queren aportar un pouquiño da súa sabedoría a esta aventura

REDACCIÓN

A nosa familia de colaboradores non deixa de medrar, para a nosa grande alegría e orgullo. Desta volta, únese ao equipo de Dende A Limia,nada menos que Xosé A. Carrera Abelleira. Este limiao nacido en 1949, rexenta unha administración de lotería na vila, e leva toda a vida colaborando cos medios de comunicación. Despois de ter visto os seus textos publicados en “La Voz de Galicia” e “La Región”, das que foi correspondente durante as décadas dos 70 e 80, así coma no xornal “Os Barrios” onde escribiu ata hai pouco,artigos de temática cultural, prosigue agora a súa andadura en Dende A Limia.

Carrera Abelleira comezou estudos de filosofía na Universidade Pontificia de Comillas e aínda que non os rematou, tivo a oportunidade de vivir e adquirir moitas experiencias, era a época do Maio Francés do 68. A día de hoxe, ve a súa próxima xubilación coma unha oportunidade de dedicarlle máis tempo a escribir, algo que realmente lle apaixona.

En Dende A Limia, será o responsable de “Ler e Contar”, xa que se define a si mesmo coma “un lector empedernido, sobre todo de literatura, historia e algo de pensamento”. Así, confesounos que a partir das súas lecturas e descubrimentos, gústalle comentar o que máis lle chama a atención, “tanto no sentido de eloxio como de denuncia de páxinas malas ou absurdas”, e asegurounos que atopa este diario dixital “o mellor foro posible para facelo”. En toda una declaración de intencións e sinceridade, Xosé Carrera sentenciou que se as súas colaboracións “teñen certa audiencia, adiante, e se polo contrario aburren, apago e voume”. Porén, os feitos falan por si mesmos e a súa primeira colaboración tamén, polo que en Dende A Limia, estamos seguros que non vai facer falta apagar nada de nada, se queres comprobalo por ti mesmo, preme aquí.