O xuíz asegura que o rexedor de Xinzo incorreu en desviación de poder

Antonio Pérez
O xuíz asegura que o rexedor de Xinzo incorreu en desviación de poder
O edil popular tería incumprido a lei para manter máis tempo do permitido a un operario do Concello no seu...

O edil popular tería incumprido a lei para manter máis tempo do permitido a un operario do Concello no seu posto

REDACCIÓN

O Xulgado do Contencioso- Administrativo número 1 de Ourense encontra a Antonio Pérez, alcalde popular da vila de Xinzo, responsable dunha actuación de desviación de poder. A Administración asegura que Pérez alongou de maneira “fraudulenta” o contrato temporal dun dos operarios de limpeza do Concello.

Este proceder irregular do líder popular podería desembocar nun delito de prevaricación, pois a pesar de contar con decenas de informes de reprobación do secretario e do interventor do municipio, Pérez non modificou en ningún momento a súa conduta. Así, o maxistrado ourensán ven de transferir o caso ao Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Xinzo de Limia para que aquí se investigue se existen responsabilidades penais, e se polo tanto o rexedor deberá enfrontarse ou non, a unha acusación de prevaricación.

A sentenza resolve que o comportamento do goberno popular vulnerou varias das regulacións vixentes, entre elas o Real Decreto-Lei de medidas para a corrección do déficit público, e a Lei de Presupostos Xerais do Estado. Unha lexislación coa que se pretendía buscar comportamentos austeros coma a non contratación de persoal que non fose estritamente necesario, como parece que non era o caso. Ademais, desde o xulgado aclaran que para esta contratación non existiu ningún proceso de selección, e que o contrato do operario non foi tampouco o que debería. Este traballador era xa vello coñecido do Concello pois fora empregado xa o pasado ano como “axudante de actividades culturais” e “operario de servizos varios”, polo que segundo indicaron os máis de 40 informes en contra que recibiu Antonio Pérez, cabía o risco de que este traballador, en principio temporal, enlazara o número suficiente de contratos coma para converterse en indefinido.