Os xulgados do social recoñecen o dereito a cobrar as pagas extras aos traballadores de oito concellos da Limia

Os xulgados do social recoñecen o dereito a cobrar as pagas extras aos traballadores de oito concellos da Limia

Logo das demandas interpostas pola CIG, a xustiza dalle a razóns aos empregados dos municipios de Sarreaus, Os Blancos, Calvos de Randín, Vilar de Barrio, Xinzo de Limia, Baltar, Porqueira e Rairiz de Veiga 

REDACCIÓN

redac@dendealimia.com

As demandas de conflito colectivo interpostas polo sindicato CIG contra estes oito concellos da Limia, en reclamación do aboamento da paga extra do 2012 aos empregados municipais, xa obtiveron resposta por parte dos xulgados do social de Ourense. Ditáronse outras tantas resolucións favorables aos traballadores, recoñecendo o dereito destes a cobrar a parte proporcional da paga extra de Nadal do ano 2012, computada dende o 1 de xaneiro ao 14 de xullo dese mesmo ano (data na que se publicou o Decreto estatal  polo que se suprimiu a paga extra).

Segundo declarou o sindicato nacionalista, “os xulgados de Ourense pechan a favor dos argumentos que sostiña a asesoría xurídica da CIG”. Uns pronunciamentos xudiciais cuxa importancia radica, para esta central sindical, “en que o período de cómputo da parte proporcional da paga extra debe estenderse entre o 1/1/12 e o día 14/7/12 (195 días) e non entre o 1/6/12 e o día 14/7/12 (44 días), como reclamaron outras centrais sindicais”.