A Xunta pon en marcha esta semana 19 obradoiros na provincia de Ourense

260917 Obradoiro Terra de Mosteiros
A Xunta pon en marcha esta semana 19 obradoiros na provincia de Ourense

Non hai información sobre se algún destes obradoiros se realizará nas comarcas da Limia ou a Baixa Limia.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na apertura do obradoiro de emprego 'Terra de Mosteiros 2017' no que 20 desempregados pertencentes aos concellos da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense se formarán en actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería, así como en operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización.

Díaz Mouteira participou na apertura do obradoiro de emprego "Terra de Mosteiros 2017".

Este é un dos 19 programas mixtos de formación e emprego que a Consellería de Economía, Emprego e Industria porá en marcha esta semana na provincia ourensá. Trátase dunha iniciativa, enmarcada na "Axenda 20 para o Emprego", na que o Goberno galego inviste máis de 4,6 millóns de euros e da que se beneficiarán 355 persoas en situación de desemprego veciños dun total de 67 concellos ourensáns.

No acto de inauguración, Díaz Mouteira subliñou a importancia dos obradoiros para incrementar a empregabilidade do alumnado e lograr a súa reinserción laboral. Así referiuse ao certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado que reciben os seus participantes. Tamén salientou a "colaboración institucional da Xunta coas entidades locais para que os obradoiros de emprego teñan continuidade na creación de postos de traballo no futuro".

A delegada territorial, acompañada do xefe territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Santiago Álvarez, asistiu ao inicio do desenvolvemento desta iniciativa dotada cun investimento 280.000 euros. Ademais do alumnado, este obradoiro contará cun equipo de docentes e administrativos formado por cinco persoas.

Logo da súa etapa inicial de formación, os alumnos e alumnas porán en práctica os coñecementos adquiridos.

Duración de 9 meses

A duración dos obradoiros xerais amplíase este ano de seis a nove meses. Durante este tempo, logo da súa etapa inicial de formación, os alumnos e alumnas porán en práctica os coñecementos adquiridos. Así, algunhas das actuacións que levarán a cabo serán: renovación do Parque do Muíño, no concello de Baños de Molgas; restauración de lavadoiros de Cachamuíña e Melón Alto, en Esgos; adecuación e mellora da eficiencia enerxética da Escola Municipal de Música de Maceda; rehabilitación de lavadoiros de Loureiro e Viñoás, no municipio de Nogueira de Ramuín; recuperación do forno de pan de Saa, en Paderne de Allariz; mantemento da área recreativa da Boutureira, no concello de San Cibrao das Viñas; actuación nos lavadoiros de Forcas, Espiñas, Valdemiotos e Paradellas, emprazados en Parada do Sil; acondicionamento da casona da praza Bispo Carrascosa, en Xunqueira de Ambía, amais da conexión intermunicipal de varias rutas de sendeirismo.

Os obradoiros céntranse na realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral. Forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral para impulsar o emprego estable e de calidade, coa que se pretende en 2020 reducir a taxa de paro ata o 10% coa creación de polo menos 80.000 novos empregos e a creación ou conversión de 50.000 contratos en indefinidos.