A Xunta reafírmase na súa intención de talar as árbores da Avenida de Celanova

94
A Xunta reafírmase na súa intención de talar as árbores da Avenida de Celanova

Ante as preguntas da deputada socialista, Patricia Vilán, a Xunta afirma que "o Concello solicitou que o proxecto permitise mellorar a mobilidade urbana e a accesibilidade, e o espazo requirido para unha beirarrúa está ocupado, en parte, polas árbores"

A retirada das árbores centenarias da Avenida de Celanova de Xinzo é –para a Xunra de Galicia– "necesaria para levar a cabo o proxecto de renovación desta vía, que permitirá mellorar a seguridade da mesma", segundo destacou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

Así se pronunciou na comisión de medio ambiente e obras públicas a preguntas da deputada do PSdeG Patricia Vilán, quen lamentou que se vaia a producir a curta de 56 árbores sen que a Xunta faga nada para impedilo.

"A retirada das árbores é necesaria para levar a cabo o proxecto de renovación desta vía, que permitirá mellorar a seguridade da mesma", segundo o director da Axencia Galega de Infraestruturas.

Na súa quenda, Menéndez dixo que non son árbores protexidas, "como tampouco o é o espazo no que se atopa", segundo remarcou, ao que a socialista respondeulle lembrando o sucedido no caso da Fraga de Catasós, en Lalín.

Pola súa banda, o responsable autonómico defendeu que a súa "obriga" é garantir que se adopte "a mellor alternativa técnica" nun proxecto destinado a "mellorar a mobilidade" e tamén a seguridade viaria da zona.

Así mesmo, nun comunicado emitido aos medios pola Xunta de Galicia, sinálase que "as árbores afectadas polo proxecto pertencen a unha especie alóctona e carecen de figuran de protección algunha, supoñendo, sen embargo, un factor de risco importante". Detallan no comunicado que "pola súa situación na estrada diminúen a seguridade viaria pola súa proximidade á circulación de vehículos, o que supón un obstáculo ante unha saída de vía".

A Xunta afirma que o espazo entre as árbores é "insuficiente" para dous carrís

Ademais, o organismo autonómico defende a tala aludindo a que "o espazo entre as árbores é de 5,5 m. de ancho", o que resulta "insuficiente para dous carrís de circulación en condicións de seguridade, polo que se proxecta ampliar os carrís e para isto é preciso retirar as árbores".

Tamén fai mención o comunicado a que na actualidade non hai beirarrúa na marxe dereita da estrada e a que "o Concello solicitou que o proxecto permitise mellorar a mobilidade urbana e a accesibilidade, e o espazo requirido para unha beirarrúa está ocupado, en parte, polas árbores".

Sinalan, tamén, que a existencia de tres pasos de peóns "fai necesario mellorar a súa visibilidade e na actualidade hai árbores que están na liña de visión entre os condutores e os peóns".