O concello de Porqueira quere rehabilitar outras dúas casas de maestros para aluguer a baixo prezo

Porqueira 1
O concello de Porqueira quere rehabilitar outras dúas casas de maestros para aluguer a baixo prezo
Susana Vázquez, reuniuse por video-conferencia coa conselleira Ángeles Vázquez, para tratar este e outros temas máis

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda analizará a posibilidade de colaborar economicamente co concello ourensán de Porqueira nun novo proxecto municipal para poñer a disposición dos veciños máis vivendas de promoción pública en réxime de alugueiro e a prezos vantaxosos.

Este foi o asunto central da reunión por videoconferencia que mantiveron esta semana a conselleira Ángeles Vázquez e a rexedora Susana Vázquez, quen se referiu en concreto a dúas antigas escolas de mestres que o Goberno local pretende recuperar para destinalas a usos residenciais e seguir incrementando así o parque municipal de vivendas protexidas.

Porqueira 2Neste sentido, a alcaldesa de Porqueira subliñou a aposta pola rehabilitación que está a facer nos últimos anos o municipio, un esforzo que se traduciu xa na recuperación de tres vivendas e na intervención sobre unha cuarta, actualmente en execución.

Para levar a cabo estas obras de rehabilitación, o Concello de Porqueira recibiu dúas axudas da Consellería de Medio Ambiente por un importe de case 86.900 euros; e este ano, tal e como lle trasladou a rexedora á conselleira, acaba de solicitar unha nova subvención ao abeiro da orde convocada polo IGVS o pasado luns para rehabilitar inmobles e vivendas de titularidade municipal co obxectivo de poder intervir sobre dúas antigas escolas de mestres.

Precisamente co obxectivo de poñer a disposición dos cidadáns vivenda pública a prezos vantaxosos, Ángeles Vázquez explicoulle que o seu departamento, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, conta tamén con outros programas de financiamento dirixidos a apoiar ás entidades locais á hora de rehabilitar edificios e vivendas.

Concretamente, referiuse ao Fondo de cooperación de apoio a entidades locais de menos de 50.000 habitantes, un instrumento creado en 2017 para ofrecerlles préstamos sen xuros e en condicións favorables para obras de rehabilitación e conservación do patrimonio construído. Neste sentido, explicoulle que estes préstamos, que se prevén convocar en abril, son compatibles coas axudas para rehabilitar vivendas de titularidade municipal.

Ruta das fervenzas do Fírveda

Noutra orde de asuntos, a conselleira e a alcaldesa tamén abordaron a posibilidade de colaborar nunha actuación na ruta de sendeirismo das fervenzas do río Fírveda, unha zona na que o departamento autonómico xa investira case 30.000 euros hai tres anos na execución de melloras de carácter sustentable do uso público, turístico, cultural e recreativo.

A intención do Goberno local nesta ocasión sería darlle continuidade á ruta actual, prolongando o seu trazado e contribuíndo así a facer máis atractivo aínda para visitantes e veciños un percorrido que goza dun gran valor natural e recreativo.

Así mesmo, a rexedora de Porqueira tamén lle trasladou a Ángeles Vázquez algunhas propostas en materia de xestión e recollida de residuos, facendo especial fincapé na necesidade de manter limpos e libres de refugallos os montes do municipio. Neste sentido, a conselleira ofreceu a colaboración dos técnicos do seu departamento para eliminar posibles amoreamentos de residuos nalgún punto concreto do concello.