A delegada da Xunta participou nun acto polo Día da Muller en Porqueira

080317 Muller Porqueira
A delegada da Xunta participou nun acto polo Día da Muller en Porqueira

No acto, que contou coa participación de veciñas e veciños do municipio representantes de distintos colectivos, Marisol Díaz Mouteira leu a declaración institucional do Goberno galego.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou nun acto organizado polo concello de Porqueira no marco do Día Internacional da Muller que se desenvolveu esta mañá na Casa do Concello e que contou coa participación dunha trintena de veciñase veciños do municipio representantes de distintos colectivos profesionais e sociais así como de membros da corporación municipal coa súa alcaldesa, Susana Vázquez, ao fronte.

Marisol Díaz Mouteira pechou o acto lendo a declaración institucional da Xunta con motivo desta efeméride. Reafirmou o compromiso do Goberno galego coa igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e subliñou que \“a vida económica, e en particular o mundo laboral, é un dos ámbitos fundamentais da promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes. A delegada territorial apuntou que na nosa sociedade, \“a desigual repartición entre os xéneros das responsabilidades familiares e do fogar constitúe un dos principais obstáculos para a participación plena das mulleres no mercado laboral, así como á súa permanencia e promoción dentro do mesmo\”.

080317 Día Muller

Así, a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar constitúen uns dos grandes retos do século XXI.

Para a Xunta, o dereito á igualdade de trato e á non discriminación e o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes son "esenciais" para construír unha sociedade xusta, social e economicamente desenvolvida. Por todo iso, concluíu Díaz Mouteira, "o Goberno continuará traballando para fomentar a creación de postos de traballo para mulleres, favorecer o emprendemento, avanzar cara a unha presenza equilibrada de mulleres en postos directivos e de responsabilidade conforme aos principios de mérito e capacidade, e para reducir as desigualdades que aínda existen entre mulleres e homes nos distintos sectores e niveis da economía e da sociedade, facendo especial fincapé nas desigualdades salariais así como nas que afectan as mulleres da contorna rural".

No acto a alcaldesa, dende a súa perspectiva de muller e política con responsabilidades de goberno municipal, amosou o seu compromiso para loitar contra as desigualdades mentres que as e os participantes intercambiaron as súas experiencias.