A delegada territorial en Ourense visitou esta mañá as instalacións deste servizo municipal coincidindo coa súa posta en marcha

010319 residencia maiores Porqueira
A delegada territorial en Ourense visitou esta mañá as instalacións deste servizo municipal coincidindo coa súa posta en marcha

Asistiu tamén a inauguración o vicepresidente da Deputación

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, destacou que os maiores son unha prioridade para o Goberno galego, polo que se esforzará en seguir prestando unha atención de calidade que garanta o seu benestar e envellecemento activo a través dos servizos e prestacións económicas previstas pola Administración autonómica. Díaz Mouteira fixo estas declaracións durante a visita que realizou ás instalacións da nova residencia de maiores do concello ourensán de Porqueira coincidindo coa súa posta en servizo.

Marisol Díaz reiteroulle a alcaldesa do municipio, Susana Vázquez, o compromiso da Xunta coas persoas maiores, en especial con aquelas que teñen limitada a súa autonomía persoal. Unha mostra deste compromiso é o apoio que o Goberno galego lle prestou ao Concello de Porqueira para que contara con esta mini residencia municipal que oferta 24 prazas para persoas en situación de dependencia. Ademais, a residencia conta cun cadro de persoal de 11 profesionais, entre eles un ATS, un fisioterapeuta e unha traballadora social. A Consellería de Política Social achegou preto de 800.000 euros para a construción e equipamento desta infraestrutura municipal.

Rosendo Fernández destacou que esta infraestrutura supón en total unha oferta de 35 prazas (25 de residencia e 10 que incluirá o centro de día) para atender aos nosos maiores, “e tamén leva consigo a creación de emprego e a dinamización económica e social do municipio”.

A Deputación de Ourense colaborou na construción, na adquisición de mobiliario e na posta en funcionamento dunha residencia que, “dentro de aproximadamente dous meses, tamén será centro de día, porque ao tratarse dunha xestión directa, decidimos esperar a que funcionase primeiro a Residencia”, explicou a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez.

Para ver o album de fotos da inauguración prema aqui