miércoles 22/9/21

Porqueira expón o seu Plan Básico Municipal

MEDIO AMBIENTE INICIA A INFORMACIÓN PÚBLICA DO PLAN BÁSICO MUNICIPAL DE PORQUEIRA

A Torre da Fírbeda, en Porqueira, será restaurada nos próximos meses. | FOTO: Cedida.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda inicia hoxe o período de información pública do Plan Básico Municipal de Porqueira. O Diario Oficial de Galicia publica o anuncio polo que comeza este trámite, para que as persoas ou entidades interesadas no documento poidan coñecelo e presentar as súas posibles achegas e alegacións desde hoxe ata dentro de dous meses.

Durante este prazo, poderá examinarse o documento en horario de oficina, con cita previa, e presentar alegacións nas dependencias do Servizo Provincial de Urbanismo da Xefatura Territorial de Ourense ou no propio Concello de Porqueira. Así mesmo, tamén poderá consultarse o documento na web da Consellería e achegarse por vía telemática as referidas achegas a través do correo [email protected].

Un Plan básico municipal (PBM) é unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano. No caso de Porqueira, trátase do primeiro instrumento de planemento. O obxectivo da Xunta é que este concello, xunto con outros oito da primeira fase poidan ter o seu PBM aprobado definitivamente a finais este ano ou comezos de 2022.

O plan aprobado inicialmente hoxe delimita 31 núcleos rurais  19 deles tradicionais, 11 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común de tipo polinuclear  que abranguen os 30 asentamentos de poboación identificados xa en Porqueira polo Plan básico autonómico.

Entre as principais novidades que implica a ordenación incluída no novo documento cómpre subliñar que se delimita individualmente o núcleo de Faramontaos-Pedrosa por ter unha estrutura recoñecible e diversa.

Así mesmo, o documento recolle as dotacións existentes no termo municipal e, ademais, identifica os elementos do patrimonio cultural e natural de Porqueira. Concretamente, cataloga un total de 13 elementos arqueolóxicos, 47 de tipo arquitectónico, 97 etnográficos, 4 naturais e un Ben de Interese Cultural, a Torre da Forxa. Destes 162 elementos identificados, cómpre subliñar que a gran maioría (concretamente 124) foron incorporados ao longo do proceso de elaboración do propio PBM, froito dun exhaustivo traballo.