Elvira Lama compromete a creación dun auditorio con aforo e escenario suficiente para acoller grandes eventos culturais

Elvira Lama
Elvira Lama compromete a creación dun auditorio con aforo e escenario suficiente para acoller grandes eventos culturais

Na súa aposta por dinamizar os espazos culturais, a candidata socialista tamén aposta por transformar a biblioteca coa creación dun espazo de estudo funcional e outro de lectura

O gran talento artístico existente en Xinzo de Limia merece unhas instalacións á altura. Para dar a coñecer todo o seu potencial, a candidata socialista á Alcaldía, Elvira Lama, compromete a creación dun auditorio con escenario e aforo suficiente para acoller grandes eventos culturais. Trátase de ofrecer un espazo adecuado para as actuacións dos diferentes músicos e formacións dos diferentes centros do concello, como o Conservatorio Municipal, a Escola de Gaitas e Percusión ou a Agrupación Musical.

A aposta de Elvira Lama polos eventos culturais, algúns de carácter multitudinario, quedou demostrado nestes últimos catro anos. O Certame Celtibérico de Bandas reuniu a milleiros de persoas na vila e, pola contribución deste tipo de eventos para dinamizar a economía local, proponse a Xinzo de Limia como sede permanente deste concurso nalgunha das súas fases.

Non é a única proposta de Elvira Lama para potenciar a cultura do municipio. A candidata socialista transformará a biblioteca coa creación dun espazo de estudo funcional e outro de lectura. Do mesmo xeito, crearanse ciclos de lectura temáticas, concursos de redacción e expresividade de lectores mozos, grupos de debates e pensamento crítico.

A recente adquisición dun edificio senlleiro na Praza Maior que será a sede do Museo Carlos Casares é unha evidencia máis desta aposta. “Será a porta de acceso á cultura e ao patrimonio tan valioso que temos neste concello e en toda a comarca”, asegura.

Tamén tendo en conta a cantidade de culturas que conviven en Xinzo de Limia, todo un exemplo de convivencia intercultural para outros municipios, a candidata socialista propón a creación dunhas Xornadas Multiculturais para compartir experiencias, gastronomía e tradicións doutros países. “Somos un pobo inclusivo e seguiremos apostando por este tipo de iniciativas”, subliña Elvira Lama.