Elvira Lama proxecta a reforma do campo da feira coa creación dun pavillón con salas temáticas, de exposicións e aulas

Elvira Lama
Elvira Lama proxecta a reforma do campo da feira coa creación dun pavillón con salas temáticas, de exposicións e aulas

A actuación pola que aposta a candidata socialista á Alcaldía de Xinzo contempla a conversión das instalacións nun espazo de ocio e cultura multidisciplinar

O apoio á cultura ocupa un papel importante no programa electoral de Elvira Lama. Son moitas as propostas da candidata socialista á Alcaldía de Xinzo de Limia para contribuír a mellorar as celebracións históricas, como o Entroido ou o Esquecemento, e tamén as que tratan de consolidar novas celebracións que se puxeron en marcha neste mandato e que espertan gran interese entre a cidadanía, como pode ser a Feira das Mozas. A aposta de Lama por promover a cultura do concello vai máis aló e proponse a creación de novas citas como un Festival de Charangas, ademais de apoiar aquelas que propoñan os diferentes colectivos.

Elvira Lama
Elvira Lama e compañeiros de lista

No mesmo empeño de contribuír a impulsar o propio, a candidata proxecta a reforma do Campo da Feira coa creación dun espazo de ocio e cultura multidisciplinar que contemple a construción de salas de exposicións, para conferencias, aulas taller e un pavillón para feiras temáticas. Todo elo pretende dar vida a unhas instalacións ás que non se lle está a sacar todo o seu rendemento: “Ao longo dos últimos anos propuxemos iniciativas culturais que tiveron moi boa acollida e diferentes feiras que cremos que deberían celebrarse nun espazo adaptado para poder consolidalas no tempo”, explicou Elvira Lama.

Outro exemplo de que Xinzo de Limia aposta por achegar a cultura á sociedade foi a celebración de diferentes cursos da USC e preténdese seguir ampliando os espazos de encontro coas Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e a UNED con programas para adultos de temática cultural, patrimonial, sanitaria, psicolóxica ou pedagóxica. Con Elvira Lama na Alcaldía, traballarase tamén na creación da Universidade Popular de Xinzo.

Estas propostas súmanse as novas dotacións de infraestruturas, como un auditorio, ou centros sociais nos pobos que carecen actualmente deles.