A alcaldesa de Rairiz cobrará 2000 euros ó mes por 25 horas semanais de xestión municipal

RAIRIZ V2
A alcaldesa de Rairiz cobrará 2000 euros ó mes por 25 horas semanais de xestión municipal

O pleno municipal que se celebrou na mañá do xoves en Rairiz, puxo sobre a mesa o orzamento previsto para o ano 2016. Un total de 1.065.000 euros dos cales a maior partida ten como destino os gastos de persoal.

A polémica chegou ó coñecerse que Asunción Morgade vai percibir un total de 2000 euros ó mes pola súa dedicación parcial no Concello de Rairiz de Veiga. Neste senso a oposición calificou como un despropósito o feito de que a alcaldesa cobre dita cantidade "cando o Concello ten unha débeda grande e se destina a inversión un total de cero euros", sinalou o socialista Pablo Lorenzo, ó que a rexedora contestou cun "claro, que nos concellos con débeda os alcaldes non cobran" e engadiu, "ó mellor o próximo ano baixoo".

Outra das partidas que desatou o malestar foi a dedicada ó pago de 9.500 euros de factura dun xerador para a residencia de anciáns. Os socialistas din non entender a razón pola que o Concello asume o pago dunha factura que lle correspondería á empresa privada que xestiona o centro.

Máis polémico resultou o pago de 5.570 euros para unhas randeeiras infantís. "Hai casas que non teñen sumidoiros, faltan luces públicas nas aldeas e a alcaldesa decide invertir en randeeiras",destacou o portavoz socialista. Asunción Morgade pola súa banda contestoulle a Pablo Lorenzo cun "cada un considera as necesidades que hai".

As facturas pendentes de pago relacionadas coa festa da Saínza volveron sair á luz. Os antigos compañeiros de goberno e partido, Manuel Ferreiro e José Antonio Fernández, preguntáronlle á rexedora o motivo polo que non levou ditas facturas ó pleno de hoxe, xa que coa incorporación da nova concelleira contaría con apoio para aprobar o pago das mesmas. Asunción declarou que "non as trouxen porque non me deu a gana".

A oposición lembroulle á alcaldesa que esas facturas da Romaría da Saínza pendentes de pago son ilegais. Os documentos facturáronse a nome do Concello de Rairiz cando os ingresos foron xestionados pola asociación cultural que organizou o festexo, co ex alcalde como presidente.

O pleno municipal aprobou instar á Xunta para que acometa labores de limpeza dos canais e regatos e evitar así os danos por asolagamentos que sufriu Rairiz.

Tamén se deu conta dos festivos locais para o vindeiro ano que serán o martes de Entroido que cae a 28 de febreiro e o luns 25 de setembro coincidindo coa Romaría da Saínza.