Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga foi recibida pola Conselleira de Medio Ambiente

12,00 h.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibirá en audiencia á alcaldesa de Rairiz de Veiga, Josefa Asunción Morgade Rúa. No despacho da conselleira foto xoán crespo 26/06/2019
Asunción Morgade, alcaldesa de Rairiz de Veiga foi recibida pola Conselleira de Medio Ambiente

Medio Ambiente estudará posibles vías de colaboración co Concello de Rairiz de veiga nun proxecto de humanización de rúas no lugar de A Sainza

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estudará posibles vías de colaboración entre o seu departamento e o Concello de Rairiz de Veiga para levar a cabo proxectos de humanización de espazos públicos neste municipio ourensán. Así llo trasladou Vázquez Mejuto á alcaldesa Josefa Asunción Morgade, con quen mantivo esta mañá unha reunión na que abordaron diversos asuntos de interese relativos a áreas da súa competencia.

Concretamente, a rexedora trasladoulle á conselleira a súa intención de levar a cabo unha intervención urbanística de mellora no núcleo da Saínza, un dos máis poboados do concello e localizado a carón dunha das estradas máis transitadas polos seus veciños, a OU-1114 Vilar de Santos-Ponteliñares. A actuación consistirá na construción de beirarrúas a ambos lados da vía, nun tramo de aproximadamente 200 metros, e na colocación de diversas tubaxes para facilitar a canalización das augas pluviais polas beiras.

Grazas a estas obras, segundo explicou Asunción Morgade, facilitarase e melloraranse as relacións entre a veciñanza nunha zona moi frecuentada e con vivendas a ambos lados pero que, co seu deseño actual, obriga aos peóns a camiñar pola estrada. Neste sentido, a alcaldesa explicou que a construción de beirarrúas neste núcleo é unha vella demanda veciñal que virá reforzar tamén a seguridade viaria na zona e trasladoulle á conselleira a necesidade de contar coa cooperación económica doutras administracións para poder levala a cabo.

Cómpre lembrar que a Consellería de Medio Ambiente colabora desde hai anos cos concellos a través de diversas liñas de axuda co fin de facilitar o desenvolvemento de intervencións urbanísticas orientadas a frear o despoboamento rural, potenciar as infraestruturas, os servizos e os equipamentos municipais e, en definitiva, mellorar o benestar e a calidade de vida nas vilas e cidades galegas, programas nos que este proxecto podería encaixar.