Comezan as obras de humanización de dúas prazas en Rairiz de Veiga cun investimento de máis de 70.000 euros por parte da Xunta e do Concello

210714 Rairiz Veiga2
Comezan as obras de humanización de dúas prazas en Rairiz de Veiga cun investimento de máis de 70.000 euros por parte da Xunta e do Concello

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse coa alcaldesa, Asunción Morgade

As obras de humanización de dúas das prazas máis importantes do núcleo urbano de Rairiz de Veiga, adxudicadas en maio por algo máis de 70.000 euros e cofinanciadas nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello, xa están en marcha.

210714 Rairiz Veiga1O inicio desta actuación foi un dos asuntos que abordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa, Asunción Morgade, no transcurso dunha reunión telemática na que tamén analizaron a posibilidade de volver colaborar no futuro noutro proxecto urbanístico para recuperar a praza da Igrexa.
Os traballos centraranse no núcleo de Rairiz, capital do municipio, e máis concretamente nas súas dúas prazas principais, localizadas na contorna dalgúns dos edificios públicos máis relevantes como son a Casa do Concello, o centro de saúde, o centro de día, a gardería e o colexio Antonio Vázquez.
Os traballos a acometer consistirán en rexenerar e pavimentar estas zonas en función do estado actual que presentan, mellorar os acabados, e renovar as infraestruturas de abastecemento coa instalación de novas tubaxes ou arquetas. Tamén se construirán beirarrúas para facilitar a tránsito dos peóns e o achegamento das infraestruturas urbanas aos veciños, creando espazos públicos que dean resposta ás súas necesidades actuais, e mellorarase tamén a zona de aparcamento, na que se renovará o pavimento.

Cómpre lembrar que esta actuación é froito dun convenio asinado o ano pasado entre a Consellería e o Concello no marco do Plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta en 2010 para axudar ás entidades locais na execución de proxectos urbanísticos destinados a crear, mellorar ou humanizar equipamentos de uso público e colectivo.