A empresa xestora da Residencia de Maiores debe dous anos de facturas da luz a Rairiz de Veiga

RAIRIZ V
A empresa xestora da Residencia de Maiores debe dous anos de facturas da luz a Rairiz de Veiga

Así o denunciou no pleno ordinario da pasada semana o voceiro do PSdeG, Pablo Lorenzo.

A pasada semana tivo lugar o pleno ordinario de Rairiz de Veiga correspondente ao mes de xaneiro. A sesión plenaria levaba 6 puntos na orde do día: aprobación da acta anterior, ratificación de decretos, recoñecemento de créditos –que quedou sobre a mesa porque faltaban informes da secretaría de intervención–, dación de contas do plan de axuste –que segundo o voceiro socialista no municipio, Pablo Lorenzo, "segue sen cumprirse dende que se empezou a facer"–, ordenanza da maquinaria –que quedou tamén sobre a mesa porque tamén faltaban informes de intervención polo tema das tarifas–.

No turno final de rogos e preguntas, preguntou o Lorenzo acerca da reunión que tivera na Consellería de Medio Rural acerca da concentración parcelaria. A alcaldesa popular, Asunción Morgade, afirmou que a conselleira lle transmitira que "estaban pendentes da elaboración do informe de impacto medioambiental" e que, ao parecer, "non había moita presa". Pedíase ampliación a unha parroquia que non estaba, nun comezo, dentro da concentración e, por parte da conselleria, semella que "non hai moito interese en amplialo xa por falta de diñeiro", segundo afirma o voceiro socialista.

Pablo Lorenzo comenta a este medio ter conseguido que no vindeiro plenario se aprobe un documento para instar á Consellería á ampliación da concentración a todo o territorio municipal e non só ás parroquias que xa estaban aprobadas inicialmente.

Tamén se falou na sesión sobre o tema da feira que se está a realizar estes días en Rairiz. O grupo socialista preguntou se se estaba cobrando algo por parte do organismo municipal aos postos que se estaban instalando. A rexedora respostou que non se estaba a cobrar nada.

Outro tema sobre o que se debatiu foi sobre a situación da Residencia de Maiores de Rairiz de Veiga. Segundo afirma Pablo Lorenzo, incialmente a xestión era do Consorcio Galego de Benestar, e na etapa de Xaquín Rodríguez Ambrosio como alcalde, fora privatizada e comezara a ser xestionada por unha parte da Fundación San Rosendo. A empresa que a xestiona agora non tiña dado de alta o suministro eléctrico e o concello estaba pagando as facturas da electricidade a pesares de que a xestión e os beneficios eran da empresa privada. O voceiro do PSdeG xa solicitara todas as facturas o pasado ano e, tras denunciar o caso, a empresa xestionaria chegou a pagar unha pequena parte. Meses despois da denuncia pública desta situación, a empresa vinculada á Fundación San Rosendo aínda debe medio ano do 2014, ano completo do 2015 e medio ano do 2016. Todo ese diñeiro teno o concello pendente de cobrar. A alcaldesa, cuestionada por esta situación, afirmou estar en negociacións cos responsábeis e que estaría solventado "o antes posible". Non deu Asunción garantía algunha ao respecto da recuperación deses cartos.

Segundo Lorenzo, unha das razóns pola que se incumpre o plan de axuste é porque o concello ten limitadas as inversións. Aínda que nos mesmos orzamentos do pasado ano 2016, recollían a compra dun grupo electróxeno para a residencia por valor de 9.000€, a alta da suministración eléctrica da mesma por valor de 11.000€ e o proxecto de alta por valor de 3.000€ máis. Isto sumado aos altos gastos de persoal constitúen os motivos principais polos que non se cumpre o plan de axuste.

O exedil popular, Manuel Ferreiro, preguntou tamén arredor da falta de luz pública diante da súa vivenda, ao que a rexedora popular alegou que estaban as luminarias fundidas.