A festa do Peixe e a Romaría da Saínza reciben unha subvención da Xunta

21.09.14.RAIRIZ.DE.VEIGA.ROMARIA.DA.SAINZA.
A festa do Peixe e a Romaría da Saínza reciben unha subvención da Xunta

Será de 3.000 € para cada unha por ter festas declaradas de interese turístico de Galicia

A Xunta de Galicia destina mais de 100.000 euros a colaborar cos concellos declarados municipios turísticos e coas festas declaradas de interese turístico de Galicia na provincia de Ourense.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, considera que estas axudas “favorecerán a potenciar a imaxe turística dos municipios ourensáns, que ano tras ano atraen a un maior número de visitantes ao medio rural da nosa provincia”.

As achegas para as festas de interese turístico ascenden a contía fixa de 3.000 euros por beneficiario, o que suma un total de 51.000 euros. Díaz Mouteira subliñou que por tratarse dunha liña de concorrencia non competitiva, beneficiáronse tódolos concellos que a solicitaron en tempo e forma.

As festas ourensás que obtiveron estas achegas son: Festa do Peixe (Bande), Romaría da Saínza (Rairiz de Veiga), XXVII Festa de Exaltación do Pan de Cea, Festa do Pemento de Arnoia, Festa da Castaña e do Cogumelo (Riós), XVIII Festa do Botelo (O Barco de Valdeorras), Feira do Viño do Ribeiro (Ribadavia), XXI Feira do Pemento (Oímbra), Folión do Entroido de Manzaneda, Festa da Androlla e do Entroido (Viana do Bolo), Xuntanza Internacional de Gaiteiros de Monterrei, Entroido de Vilariño de Conso, Entroido de Laza, Festa dos Maios (Ourense), Entroido de Maceda, XVII Romaría Etnográfica Raigame (Celanova), e Festa do Boi (Allariz)